O artista galego Xosé Manuel Budiño actuará en Ribadavia presentando o seu novo disco “Branca Vela”. O concerto de Budiño terá lugar no auditorio do Castelo de Ribadavia, o xoves 24 de agosto, a partir das 22:30. Este concerto, que conta co patrocinio da Xunta de Galicia, enmárcase dentro das diferentes actividades culturais que o Concello de Ribadavia está levando a cabo no verán 2023 e na aposta estratéxica do concello pola cultura coma elemento dinamizador do territorio. A entrada ao concerto será de balde.
Xosé Manuel Budiño é un artista galego cunha ampla traxectoria profesional que destaca polo seu estilo propio inspirado no Folclore. Budiño ten actuado en diferentes países do mundo cos seus espectáculos, acadando sempre un amplo recoñecemento de público e crítica.
Coa vangarda e a música tradicional como piares, nesta actuación incorporará un formato máis innovador de banda, incorporando voces femininas, electrónica e tendo a percusión tradicional e a gaita como grandes protagonistas do espectáculo, que incluirá vídeo creación en directo como acompañamento.
“Branca Vela”, o novo disco de Budiño, recolle a súa esencia tradicional xunto coa creación musical de vangarda que o caracteriza. “Muiñeira da Lúa” foi o primeiro tema de presentación deste disco, no que colaboran artistas como Leilía, Guadi Galego, De Vacas, Diego Cabaleiro, Tania Caamaño ou o coro infantil de Xacarandaina.