O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, supervisou esta mañá o remate das obras do centro de saúde de Arnoia

O  delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acompañado da directora asistencial da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco, María del Mar Vázquez, e do alcalde, Rodrigo Aparicio, supervisou esta mañá o remate das obras do centro de saúde de Arnoia, nas que a Xunta investiu máis de 107.000 €.

Gabriel Alén explicou que as obras, xa rematadas despois da súa paralización por parte da empresa adxudicataria anterior ocasionada pola crise da alza de prezos dos materiais, consistiron na reforma da planta baixa e no cambio da cuberta do centro de saúde.

AVANTAR ACTIVIDADES

En canto ao cambio da cuberta, retirouse a cubrición da tella cerámica curva como as placas onduladas que apoiaban nunha estrutura de madeira aserrada e foron substituídas por elementos novos das mesmas características.

A reforma da planta baixa consistiu nunha nova distribución interior para poder contar nesta planta con dúas consultas, 1 de médico de familia e 1 de enfermería, facilitando así a accesibilidade ás mesmas. Para iso, fíxose necesario trasladar os aseos existentes a outra zona da planta baixa. Tamén se procedeu a ampliar o oco que comunica o vestíbulo coa sala de espera, colocouse un vertedoiro en unha villa na cuarto da limpeza, instalouse un falso teito en toda a edificación, e tamén se pintou o interior e se cambiou a instalación da iluminación, colocándose luminarias led. Leváronse a cabo todas as actuacións necesarias para a nova distribución, electricidade, fontanería, saneamento e ventilación nos aseos interiores. 

Renovación de infraestruturas de atención primaria

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 113 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre máis de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as seis obras que están en marcha (Lugo, Lalín, Arnoia, Porriño, CIS Olimpia Valencia de Vigo e Moaña). En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

En particular, na provincia de Ourense, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como o de A Merca, Toén, Entrimo, Vilar de Santos, Vilamarín, Barbadás, Pontedeva, Pereiro de Aguiar e Paderne de Allariz e as reformas de A Peroxa (Os Peares), Carballeda de Avia e Ribadavia e a de Arnoia.

Nesta mesma liña, e a través de cofinanciamento cos concellos, reformáronse nesta área sanitaria centros de saúde como os de Leiro, Carballeda de Valdeorras, Lobios, Cenlle, O Bolo, Amoeiro, Rairiz de Veiga, Vilardevós, Maside, Castrelo de Miño, Baltar, Beariz, Riós ou Vilar de Barrio.

A execución simultánea destes proxectos é posible grazas a que os Orzamentos da Xunta de Galicia para 2023 incrementaron os fondos de investimentos en atención primaria nun 65% ata os 56 millóns de euros. É a maior cantidade de fondos no capítulo de investimentos dedicada á atención primaria dos últimos 20 anos, mesmo superior ao de 2021 que contaba co fondo extraordinario COVID.