O Psdeg de Ribadavia amosa a súa “fonda preocupación” ante a posibilidade de que o concello perda unha subvención para o embelecemento do camiño da Barca

Os e as socialistas esíxenlle ao grupo de goberno municipal do Partido Popular que axilice os trámites para o inicio da obra, xa que tal e como indican “o 31 de outubro remata o prazo de finalización para executar a obra”

Alertan que “a día de hoxe ou se pide unha prórroga, que xa veremos se a conceden, ou é practicamente inviable que se execute antes do 31 de outubro”, xa que tal e como apuntan “non hai comunicación algunha de que as obras se vaian a iniciar nas próximas datas”

AVANTAR ACTIVIDADES

Ribadavia, 1 de setembro de 2023. O PSdeG-PSOE de Ribadavia amosa a súa “fonda preocupación” ante a posibilidade de que o concello de Ribadavia perda unha subvención de 48.000 euros para o embelecemento do camiño da Barca, que da acceso ao castelo dos Condes de Sarmiento. Os e as socialistas esíxenlle ao grupo de goberno municipal do Partido Popular que axilice os trámites para o inicio da obra, xa que tal e como indican “o 31 de outubro remata o prazo de finalización para executar a obra”.

Dende o grupo municipal socialista na capital do Ribeiro explican que esta obra “é moi importante en termos patrimoniais, xa que permitiría que o noso municipio mellorase os acceso a un dos nosos bens patrimoniais máis prezados como é o castelo”. Os e as socialistas subliñan que “é moi preocupante que a día de hoxe non teñamos ningunha comunicación sobre os inicios da obra, nin que tampouco estea colocado o propio cartel”.

“Preguntamos no concello por activa e pasiva, e ninguén a nivel técnico ten constancia de porque non se executa a obra, cando leva dende abril adxudicada”, apuntan dende o PSOE de Ribadavia”. Neste senso, os e as socialistas lembran que esta foi unha subvención conquerida polo anterior goberno do PSdeG, pero tal e como indican “non comezamos a obra por unha cuestión ética e política e para que non nos acusasen de facer electoralismo, deixándoa para que a levase a cabo o seguinte grupo de goberno”.

Os e as socialistas alertan que “a día de hoxe ou se pide unha prórroga, que xa veremos se a conceden, ou é practicamente inviable que se execute antes do 31 de outubro”. Nesta liña fan fincapé en que “é bastante difícil que a obra chegue a bo porto antes da data, salvo que se faia tarde e mal arrastro, algo no que o PP é experto, e aí temos como exemplos as obras do campo de fútbol e do parque Robla, que por facelo tarde e rápido, quedaron en mal estado”.

A obra de embelecemento do camiño da Barca leva aparellada actuacións en materias de saneamento e abastecemento, que tal e como apuntan dende o grupo municipal socialista “xa estaba contemplada, con cartos a disposición e xa se falara coa empresa adxudicataria de augas de Ribadavia, coa que se levaría a cabo un convenio para completar a obra e estaba pola labor de levar a cabo estes traballos”.

O PSdeG-PSOE de Ribadavia non entende “esta demora”, cando o goberno municipal conta nestes intres con 3 persoas con soldos orzamentados e neste senso lembran que “este é o goberno máis caro da historia de Ribadavia, xa que conta con 3 dedicacións orzamentadas e 3 soldos contemplados, polo que teñen a capacidade suficiente para mobilizarse e executar dita obra”.