Innovación educativa, sostibilidade e diversidade protagonizan a programación de Afundación para escolares

Educación na diversidade, proxectos interxeracionais, programas de educación dixital na responsabilidade, formación en competencias transversais mediante ferramentas coma o teatro, a música ou as artes plásticas, entre as actividades propostas

04.09.2023. Afundación abre o seu programa de actividades educativas para escolares 2023-2024, dirixida a centros educativos de toda Galicia. A Obra Social de ABANCA recupera toda a actividade presencial, que se complementa con programación en formato dixital e a través da súa canle Afundación TV, para facilitar a accesibilidade. Desde unha perspectiva de innovación educativa, o obxectivo desta programación é reforzar a formación que os estudantes reciben nas aulas, a modo de ferramenta que complemente os programas curriculares dos centros escolares e que á súa vez fomente unha educación en competencias transversais que potencien nos estudantes o talento, a autonomía, a solidariedade, a creatividade, a autoestima ou o traballo en equipo.

AVANTAR ACTIVIDADES

A programación para este curso introduce propostas de educación emocional e na diversidade, proxectos interxeracionais, que facilitan a transferencia de coñecementos e experiencias entre mocidade e maiores ou actividades vinculadas á sostibilidade e o medio ambiente.

As imaxes están dispoñibles aquí:

https://drive.google.com/drive/folders/1cLsKYWLF9fy1dDt9JZateVSX-GuzgXzb?usp=drive_link

Ademais, Afundación pon en marcha unha nova edición do programa «Educación século XXI», un ciclo de conferencias que teñen como obxectivo crear un marco para a reflexión sobre o labor e os retos aos que se enfrontan nais, pais, profesores e estudantes na educación actual, ampliando así o ámbito de actuación da entidade a toda a comunidade educativa. Centrará os seus esforzos en temas como a saúde mental, o acoso escolar ou a implementación da IA, un reto ao que se enfrontarán os escolares tanto na súa formación coma no seu futuro profesional.

CULTURA COMO TRANSMISORA DE VALORES, EMOCIÓNS E DIVERSIDADE

O proxecto deseñado para a vertente cultural desta programación comprende diferentes formas de expresión artística como transmisoras de coñecemento, valores, emocións e diversidade. Así, na proposta para este curso, continúase co proxecto «Todas e todos contamos», no que persoas con diversidade funcional participan en distintas propostas artísticas que presentarán nos propios centros educativos e que abordan valores como o esforzo, a empatía, a autoestima ou o respecto e que pon en valor a diversidade como un elemento de enriquecemento social e persoal.

Así mesmo, conscientes da importancia da música como canle de comunicación e incentivo para as melloras cognitivas, socio-emocionais e motrices, Afundación pon en marcha unha nova edición do programa «Música a flor de pel», que levará microconcertos aos centros de educación especial de toda Galicia.

Neste curso 2023-2024 preséntase «O espello de Claude. Laboratorio de fotografía e identidade» impartido por Fuco Reyes, fotógrafo, psicólogo e profesor. Trátase dun taller articulado en cinco sesións, desenvolvidas nos propios centros escolares, dirixido a estudantes a partir de 3.º de ESO. O obxectivo deste proxecto reside en trasladar a importancia dunha expresión sincera das emocións a través da imaxe. Para iso, anímase ás e aos estudantes a afastarse dos estereotipos da impostada felicidade permanente, tan promocionada, para plasmar os seus dilemas e as súas certezas emocionais a través da arte fotográfica. Con elas e eles como protagonistas dentro e fóra do obxectivo, este taller anima a que exterioricen todo o seu potencial creativo a partir da súa propia percepción da contorna e da súa identidade nela.  

Considerando as artes escénicas como unha das ferramentas educativas máis útiles para estimular a capacidade de observación dos estudantes, posibilitar o diálogo e a reflexión e desenvolver habilidades sociais, os escolares achegaranse a temas de tanta importancia como a convivencia e as emocións, o respecto ao medio ambiente, ou a era dixital e o seu impacto na infancia e adolescencia, entre outros. Todas as obras que conforman a programación foron seleccionadas para contribuír do mellor modo posible a estes propósitos, contando con compañías de referencia a nivel nacional, con prestixiosos premios e dando ademais un especial protagonismo ás compañías galegas. A proposta elaborada pola área Educativa da Obra Social de ABANCA tamén inclúe un ciclo de cine submarino, organizado en colaboración coa Universidade de Vigo.

Así mesmo, co obxectivo de achegar a música clásica aos mozos, Afundación promove a iniciativa «Quedamos non palco, quedamos coa clásica» que permite a estudantes de ESO, bacharelato e ciclos formativos aproximarse a un ámbito ao que non acceden habitualmente.

A Colección de Arte de Afundación e as numerosas exposicións programadas serán o vehículo mediante o que os escolares se acheguen ás artes plásticas, xa que son unha excelente canle de comunicación que emociona, forma e conecta a quen a visita con outras maneiras de pensar e de vivir. Estarán acompañadas de propostas didácticas adaptadas ás idades dos participantes, desde primeiro de infantil ata bacharelato e ciclos formativos, que aglutinan diversión e aprendizaxe. Dous tipos de talleres acompañarán a programación, cuxa selección decidirá o corpo docente, coa plástica ou tecnoloxía como método de expresión artística. As visitas-taller de artes plásticas implementarán novas formas de aprendizaxe, accións formativas para un mundo educativo cada vez máis neurodiverso. Abordarase tamén a falta de atención e farase eco dos últimos estudos que sinalan a importancia de incidir nunha correcta comprensión lectora.

As actividades STEAM, nas que as ciencias, a arte, a tecnoloxía e as matemáticas conxúganse para seguir dinamizando a aprendizaxe multidisciplinar, estarán presentes en todas as didácticas.

Ademais, a Obra Social de ABANCA conta en Santiago de Compostela coa Biblioteca Infantil e Xuvenil máis antiga de España. Fundada en 1974 dispón de máis de 20.500 libros e 700 DVD e desenvolve un completo programa de actividades de animación.

ESPAZOS INTERXERACIONAIS

Neste ámbito, Afundación propón a creación dun espazo interxeracional común para compartir vivencias, diálogo e emocións, co obxectivo de que as persoas maiores transmitan aos máis novos o seu coñecemento e experiencias e que a comunidade educativa incorpore novas modalidades de aprendizaxe.

Para iso, a Obra Social de ABANCA pon en marcha novas edicións dos seus programas «Fálame da emigración» e «Falamos da escola». En ambos, maiores voluntarios e estudantes de centros escolares de toda Galicia dialogan e reflexionan sobre as súas experiencias na emigración e na escola.

Ademais, en colaboración coas áreas de Educación e Cultura da entidade, desenvolveranse durante todo o curso novas propostas interxeracionais: clubs de lectura, representacións teatrais, recitais e outras actividades.

EDUCACIÓN MEDIO AMBIENTAL

O proxecto «Plantando árbores con pinceis», con grande acollida nas súas edicións anteriores, ofrécese un curso máis desde Afundación. Nel, as nenas e nenos participan na elaboración dun mural e na decoración dunhas bolsas de teas con pinturas fotocatalíticas anticontaminantes, para o que se conta coa guía de Vella Escola. Deste xeito, Afundación, combina a sostibilidade, a cultura e a formación nun mesmo proxecto no que se incide no imprescindible coidado do medioambiente para garantir un mundo acorde cos principios que guían os ODS 2030.

Todas estas propostas compleméntanse coas realizadas en Naturnova, o centro interactivo de educación ambiental de Afundación en Vigo que conta con diferentes salas temáticas e máis de 30 módulos nos que descubrir o universo, o planeta Terra, o ser humano e o seu medio.