Pablo Álvarez Guillén é Enxeñeiro Agrónomo pola Universidade Politécnica de Madrid.
Curriculum de Pablo Álvarez Guillén:
Pablo Álvarez Guillén é Enxeñeiro Agrónomo, pola Universidade Politécnica de Madrid, na Especialidade de Economía Agraria. Consultor medioambiental especialista en ecoloxía aplicada e en servizos ecosistémicos.
Segundo o publicado no Diario Oficial de Galicia, o pasado día 7 de agosto de 2023, sométese ao trámite de información pública, polo prazo de dous meses, a versión inicial do documento do Plan de Xestión de Residuos Municipais de Galicia 2023 – 2030, en adiante o Plan de Residuos, o PXRMG, ou simplemente o Plan, indistintamente.
Neste tempo os interesados poden efectuar as alegacións que consideren oportunas. O documento está á disposición dos interesados no seguinte enderezo da sede electrónica da Xunta de Galicia: https://transparencia.xunta.gal/participacion-plans-programas.
Segundo os datos do PXRMG os residuos municipais xerados a nivel Comunidade Autónoma de Galicia, no ano 2021, ascenderon a un total de 1.125.498 t, que corresponde a unha producción anual de 418 quilogramos por habitante.
De xeito global, como se pode apreciar na gráfica seguinte, case a mitade dos residuos xerados foron incinerados (47,8%), a terciera parte foron enterrados nun vertedoiro (30,5%), a sexta parte destinados ao reciclaxe (16,8%) e unha proporción moito menor compostados (5,0%). E dicir, unha cantidade descomunal de lixo queimado ou enterrado, unhas 881.000 t cada ano (78,3%), e moi pouco reciclado, unhas 244.000 t ao ano (21,7%).
Así mesmo, se temos en conta que o 37% da composición da bolsa tipo dos residuos municipais xerados foi materia orgánica, a cantidade anual de biorresiduos producidos en Galicia alcanzaría unhas 416.000 t. Desa cantidade tan só foron compostadas 56.000 t, o 13,5% do total dos residuos orgánicos xerados en Galicia, o resto, 360.000 t de biorresiduos foron incinerados ou soterrados nun vertedoiro.
Neste mesmo sentido, tamén covén subliñar que os resultados de compostaxe, referidos ao ano 2020, mostran que a nosa comunidade atópase moi atrasada (5,5%) fronte a outras comunidades autónomas como Valencia (34,7%) ou Cataluña (26,7%), pero tamén mesmo moi lonxe da media estatal (20,1%). Unha situación medioambiental difícil de comprender.
O Plan de Residuos Municipais asume os obxectivos establecidos na Directiva (UE) 2018/851, polo que se modifica a Directiva Marco de residuos, e para iso contempla alcanzar o tratamento do 50% da producción potencial da fracción orgánica, no ano 2025. Así pois, segundo a evolución prevista no propio PXRMG, a recollida selectiva neta dos residuos orgánicos en Galicia debería acadar unhas 175.000 t/ano, en pouco máis de dous anos.
Para o tratamento da materia orgánica, Galicia contaría con catro plantas de compostaxe dos residuos orgánicos, cunha capacidade total de tratamento de 36.000 t/ano, unha en cada provincia, distribuidas da seguinte maneira:
- Provincia da Coruña. Planta de compostaxe de Cerceda, que ten unha capacidade de 15.000 t/ano. Localízase no Complexo Medioambiental de Sogama, en As Encrobas, Cerceda (A Coruña). Actualmente en funcionamento.
- Provincia de Lugo. Planta de compostaxe de Cervo: Cunha capacidade máxima de tratamento de 4.600 t/ano (3.000 t/ano sen estruturante), sitúase no Parque Empresarial da Cuíña, Cervo (Lugo). Actualmente en trámite de autorización.
- Provincia de Ourense. Planta de compostaxe de Verín: Cunha capacidade máxima de tratamento de 4.600 t/ano (3.000 t/ano sen estruturante), sitúase no Polígono Industrial de Pazos, Verín (Ourense). Actualmente en trámite de autorización.
- Provincia de Pontevedra. Planta de compostaxe de Vilanova de Arousa: Cunha capacidade máxima de tratamento de 22.000 t/ano (15.000 t/ano sen estruturante), localízase no Parque Empresarial Baión I, de Vilanova de Arousa (Pontevedra). Actualmente autorizada.
A planta de compostaxe de Verín, segundo as informacións recollidas en diferentes medios de comunicación foi deseñada e construida para dar servizo a 24 concellos da contorna beneficiando a perto de 52.300 habitantes. Pero segundo o PXRMG a “área de influencia” abarcaría a case toda a provincia de Ourense máis a zona de Monforte de Lemos, como se aprecia na imaxen.
Agora ben, como só o concello de Ourense ten 103.756 habitantes, que é o dobre da poboación que teñen as das comarcas de Monterrrei, a Limia e Viana xuntas, só para cubrir as súas necesidades cumpriría unha planta de compostaxe cunha capacidade que duplique á de Verín.
Como é doado de comprobar esta mesma situación de infradotación de instalacións para o tratamento dos biorresiduos tamén se repite de forma ostensible nas outras tres provincias.
Con todo, o Plan de Residuos Municipais sinala que para dar cumprimento aos obxectivos establecidos na normativa vixente deberase considerar a incorporación de melloras nas plantas existentes, ampliación das mesmas, ou en última instancia, incorporación de novas instalacións. Isto último avaliarase unha vez entren en funcionamento as novas plantas previstas, establecendo unha porcentaxe límite de saturación do 80% das instalacións.
Pero claro, se non se intensifica a recollida selectiva dos residuos orgánicos, instalando o 5º contedor nas entidades de maior poboación, como se recomenda no PXRMG, as novas plantas de compostaxe dificilmente acadarán o límite de saturación do 80%. De seguir así, non só non sería preciso construir novas plantas, se non que mesmo non habería que ampliar as xa existentes.
Mais a realidade é ben distinta. Coa capacidade das plantas de compostaxe en funcionamento, máis o aumento que supón a incorporación das novas plantas previstas, non é posible dar cumprimento aos obxectivos establecidos na normativa vixente, que non é outro que ter capacidade para facer o tratamento de 175.000 t/ano de biorresiduos, en 2025.
E non se debe esquecer que só quedan pouco máis de dous anos para dotarse de instalacións coa capacidade suficiente para o tratamento do 50% dos residuos orgánicos producidos en Galicia. Que non pase o mesmo que acontece coa abriga de implantar a recollida separada da fracción orgánica nos concellos galegos antes do fin do presente ano, como recolle a normativa da propia Xunta, que nin se puxeron os medios necesarios para implantala nin sequera se sabe como e cando se van a poñer.
De nada serve facerse trampas ao solitario e virse arriba asegurando no PXRMG que “a día de hoxe hai … unha rede de infraestruturas completa e robusta que responda ás necesidades de xestión primarias dos concellos galegos”.
Outra cuestión que chama a atención é que as 3 novas plantas de compostaxe están localizadas en emprazamentos periféricos, afastados dos maiores puntos produtores de residuos orgánicos, mentras que no PXRMG deféndese a formación dunha rede de infraestruturas de proximidade. Así pois, por exemplo, a “área de influencia” de Verín inclúe municipos como Carballiño, a segunda poboación da provincia en número de habitantes, que dista perto de 100 quilómetros da planta de compostaxe ou a de Cervo que abarca municipios como Sarria que se atopa a máis de 150 quilómetros de distancia.
Para solventar esta dificultade de transporte dos residuos orgánicos, foi necesario adaptar 8 plantas de transferencia xa existentes, a fin de dotalas dun novo punto para o trasvase dos biorresiduos, e de construir 6 novas plantas para o trasvase e transporte da materia orgánica ata a planta de compostaxe máis próxima.
Mais as plantas de transferencia non serven para acercar os puntos de producción ás instalacións de reciclaxe. A distancia a percorrer pola bolsa do lixo entre o punto de producción e o do tratamento segue sendo a mesma. De novo, de nada serve facerse trampas ao solitario, o sistema de xestión proposto, que divide toda Galicia en tan só catro “áreas de influencia”, situando unha planta de compostaxe nun extremo de cada provincia, continúa sendo todo un despropósito medioambiental.
Á vista do anteriormente exposto, parece evidente que para intentar dar cumprimento aos obxectivos establecidos na normativa vixente é necesario revisar e complementar o PXRMG con novas propostas. Como mínimo habería que incluir as seguintes:
- Poñer en marcha de forma urxente as medidas necesarias para que as 204 entidades galegas cunha poboación superior a 1.000 habitantes poidan contar co 5ª contedor.
- Estudar de forma individualizada a viabilidade de instalar o 5º contedor nas 2.553 entidades cunha poboación de 101 a 999 habitantes, conforme a criterios técnicos, económicos e ambientais, e no seu caso facilitar decontado a súa implantación.
- Potenciar a compostaxe in situ nas 27.623 entidades de menos 100 habitantes e noutros determinados territorios nos que se estime conveniente por criterios técnicos, económicos e ambientais.
- Impulsar de forma decidida a construcción de novas plantas de compostaxe que permitan tanto acadar a capacidade suficiente para garantir o cumprimento da normativa vixente como favorecer a aplicación do principio de proximidade.
- Arbitrar medidas para facilitar ás entidades locais, cunha poboación de dereito superior a 5.000 habitantes, a elaboración de programas de xestión de residuos.
- Realizar campañas específicas e facilitar axudas aos concellos para que poidan desenvolver campañas propias, dirixidas aos seus veciños, sobre a conveniencia e a necesidade de establecer unha taxa específica, que permita implantar sistemas de pago por xeración que reflictan o custo real das operacións de recollida, transporte e tratamento dos residuos.
Por último, subliñar que os residuos sólidos urbanos orgánicos, pola súa rica composición e o seu grao de hidratación, son moi adecuados para producir abonos naturais de calidade. A utilización do compost para a conservación e mellora do chan de uso agrícola e para a recuperación e protección do chan fronte aos riscos do cambio climático, especialmente no caso dos incendios, constitúe unha ferramenta moi eficiente.
A actual incineración masiva dos residuos sólidos urbanos orgánicos ou o seu enterramento nun vertedoiro supón unha verdadeira traxedia ecolóxica. Semellante despropósito ten moi difícil explicación, e de nada serve enganarse elaborando documentos que non dan resposta ás necesidades do noso país.
Outros artigos de Pablo Álvarez Guillén:
Pablo A. Guillén: “Benvida ao novo Presidente da Deputación”
Pablo A. Guillén: “Consolidar o éxito da Festa do Pulpo”
Pablo A. Guillén: “A maior Romaria de Galicia “
Pablo A. Guillén: “Carballiño 14.000 + 13.000″
Pablo A. Guillén: “A obrigación de pagar pola xestión do lixo ”
Pablo A. Guillén: “Unha ferramenta para artellar acordos”
A “Parada de Autobús Intermodal”
O plan especial de seca: un plan moi especial
Breves escritos coas eleccións municipais de fondo (VII): “mobilidade segura e confortable”
Breves escritos coas eleccións municipais de fondo (V): As infraestruturas verdes.
Breves escritos coas eleccións municipais de fondo (IV): A auga, ese ben escaso e moi valioso
Breves escritos coas eleccións municipais de fondo (II): Gozar dunha atmósfera saudable
Breves escritos coas eleccións municipais de fondo (I): Gozar de confort sonoro
Otras consideraciones medioambientales para la ampliación del Polígono Industrial
Las alternativas para la ampliación del polígono industrial
La ampliación del polígono industrial en información pública
Ahorro de energía en el alumbrado público
Ahorro energético en comunidades de vecinos
El protocolo de colaboración para el nuevo Centro de Salud
Chega o contedor de lixo de cor castaño ás nosas rúas
Un Centro de Salud amigable en un Carballiño saludable
Carballiño: Puerto seco de Galicia
Las claves medioambientales y sociales para la ampliación del Polígono Industrial
La ampliación del Polígono y el Paisaje
La ampliación del Polígono y el ciclo hídrico
La ampliación del polígono y el patrimonio natural
Consideraciones sobre el agotamiento de suelo empresarial
El poligono industrial de Maside