Licitada a rehabilitación do edificio da antiga estación de Cantoña, en Paderne de Allariz, para convertela nun centro de transformación de produtos do sector primario

O anuncio de licitación da obra de rehabilitación do edificio da antiga estación de Cantoña, en Paderne de Allariz, vén de ser publicado hoxe. Este proxecto, dotado cun prezo de saída de 382.595,17 euros, forma parte da “Estratexia Provincial de Impulso a Producións Sostibles de Alto Valor Engadido”, e será desenvolvido pola Deputación, a través do Inorde. O prazo para a recepción de ofertas remata o 9 de outubro ás 14.00 horas. 

A rehabilitación deste edificio de titularidade pública, cedido polo ADIF durante 25 anos, será acometida con fondos propios da Deputación e do Inorde e será destinado a “Centro Colaborativo de Transformación de produtos primarios”. Esta ferramenta para os pequenos produtores e emprendedores do rural ourensán contempla a adaptación do espazo interior para adaptalo a liñas de produción, e terá unha sala multiusos que servirá tamén para formación, así como unha oficina que estará destinada á Mancomunidade Voluntaria de Municipios de Ourense. O equipamento e a formación contarán con financiación do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (329.079 euros), a través das subvencións para a financiación de proxectos promovidos por entidades locais para a innovación territorial e a reactivación da actividade socioeconómica e a loita contra a despoboación. 

FESTAS EN RIBADAVIA

Este proxecto nace para dar soporte aos produtores do rural da provincia, e abranguerá os novos produtos hortícolas e frutícolas, buscando fomentar a biodiversidade e a recuperación e rexeneración do solo. O primeiro paso é, precisamente, a rehabilitación do edificio da antiga estación de tren, que data do último cuarto do século XIX.