O grupo municipal socialista presentará, no Consello Municipal de Igualdade (CMI), unha batería de medidas para que a conmemoración institucional do vindeiro 25N -Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres- se leve a cabo dende unha perspectiva ampla e consensuada ante o escuro momento que se está a vivir de repunte de asasinatos machistas.
Entre as iniciativas a concelleira Cristina Cruz trasladará a petición de que se manteñan as concentracións contra a violencia de xénero que se viñan convocando o primeiro luns de cada mes ou que, no seu defecto, se establezan 5 minutos de silencio ao comenzo de cada sesión plenaria ordinaria. Tamén que se reactive a posta en marcha do rueiro feminino -aprobado por unanimidade- para reducir a desigualdade entre nomes de homes (maioritarios) e mulleres nos diferentes espazos públicos da cidade.
Ademais, as e os socialistas entenden como prioritario e urxente a elaboración, aprobación e implementación dun plan específico municipal contra a violencia machista e que todos aqueles eventos en cuxa organización participe o Concello de Ourense conten con puntos violetas nos que se aporte información sobre a problemática a tódolos grupos poboacionais posibles.
Por outra banda, como medidas específicas a desenvolver nesta ocasión, abordarase a posibilidade de que a arte urbana e local -a través da creación dun mural ou doutras propostas- poida servir para poñer o foco neste tipo de violencia que se agocha no día a día dos ourensáns e ourensás. Así como a necesidade de programar unha mesa redonda na que participen mulleres, de diversas idades e sectores profesionais, que relaten a violencia máis habitual que padecen nos seus postos de traballo. Esta última proposta debería complementarse, segundo defenderán dende o grupo municipal socialista no CMI, con charlas nos institutos de educación Secundaria para previr e informar sobre conductas machistas, o ‘sextin’ ou contidos pornográficos dañinos aos que os e as menores acceden cada vez a idades máis temperás.
Esixirán tamén que se acondicione o parque de Reza, que pasou a denominarse parque 25 de novembro no ano 2018, e que poidan ter cabida nel actos ao aire libre que conmemoren esta data. E, finalmente, se solicitará que, como en programacións da Administración local anteriores, continúe a colaboración co Cineclub Padre Feijóo para proxectar longametraxes que reflictan a problemática.