O concello de Ribadavia licita a reforma integral da pista central do centro deportivo municipal

  • O proxecto inclúe a instalación dun novo pavimento acabado en caucho con sistema flotante -especialmente apto para a práctica do balonmán, fútbol sala, baloncesto e outros deportes de interior- e a substitución dos asentos das bancadas
  • Licitada por un total de 161.436,34 euros, esta reforma finánciase grazas á cooperación entre Concello de Ribadavia, Deputación de Ourense e Xunta de Galicia
  • O prazo global para a execución das obras será de dous meses

Ribadavia, 15 de setembro de 2023.- O Concello de Ribadavia vén de licitar a reforma integral da pista central do Centro Deportivo Municipal do Consello por un total de 161.436,34 euros (IVE incluído).

O proxecto, que se financia grazas á cooperación entre o Concello de Ribadavia, a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia, inclúe a substitución do pavimento da pista central por un novo sistema de pavimento flotante e a instalación de novos asentos  nas bancadas do pavillón. Contará cun prazo global para a execución das obras de dous meses.

FESTAS EN RIBADAVIA

Actuacións incluídas na licitación

Para mellorar o uso da pista central, o proxecto licitado polo Concello de Ribadavia inclúe as seguintes obras:

. Sobre o pavimento da pista central existente colocarase un novo pavimento acabado en caucho con sistema flotante. Dito pavimento contará co marcaxe de sete pistas de xogo: unha de balonmán, unha de baloncesto, unha de fútbol sala, dúas transversais de minibasket e dúas transversais de minibalonmán.

O sistema do novo pavimento deportivo ten unha altura total de 36 milímetros e é específico para instalacións deportivas de alto rendemento, sendo especialmente apto para a práctica do balonmán, fútbol sala, baloncesto e resto de disciplinas deportivas de interior.

Na súa elección tívose en conta a durabilidade no tempo e necesidade de mantemento moi reducida, ademais de ofrecer unha resposta biomecánica e deportiva acorde as actuais esixencias das distintas disciplinas deportivas practicadas en Ribadavia.

O pavimento -en total, reemplazarase 1.400 metros cadrados- tamén contará cunha caixa de rexistro para toma eléctrica na zona da pista onde se sitúa a mesa de arbitraxe.

. Ademais, subministranse novos asentos con respaldo – e executarase un tramo de 3 a 4 metros de lonxitude de canalización eléctrica soterrada no pavimento, para levar varias tomas eléctricas e/ou telecomunicacións á pista na zona onde se sitúa nas competicións a mesa de arbitraxe.

O alcalde de Ribadavia, César Fernández, sinalou que “con esta actuación iniciamos o noso compromiso de renovar as instalacións deportivas municipais, modernizándoas e facéndoas acordes ás necesidades da veciñanza de Ribadavia.”