O Psdeg-Psoe de Xinzo afirma que o voto de calidade do alcalde impide a reprobación do concelleiro Carlos Gómez por conducta “impropia e temeraria”

O concelleiro de AXIL, Ramón Gómez Salgado, que se abstivo na votación, pertence ao grupo de goberno do alcalde, e manifestou deste xeito “o seu malestar coa conducta motivo da reprobación”

Para a voceira do PSdeG-PSOE, Elvira Lama, a “gravidade” dos feitos, máis aló da “imprudencia na condución do vehículo, está en que “o pleno do concello nin pode nin debe ofrecer e consentir este tipo de comportamentos, cuestionando a honorabilidade dos representantes”

AVANTAR ACTIVIDADES

Xinzo de Limia, 20 de setembro de 2023. O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia presentou neste último pleno unha moción de urxencia para reprobar a conducta “impropia e temeraria” do concelleiro e deputado autonómico, Carlos Gómez Salgado, no pleno de organización do concello de Xinzo celebrado o 27 de xuño. As e os socialistas critican que o voto de calidade do alcalde de Axil impedise a reprobación do concelleiro e deputado, despois de que o concelleiro tamén deste partido, Ramón Gómez Salgado, se abstivese na votación.

Dende o grupo municipal socialista na capital da comarca da Limia denuncian que tras esta situación “queda demostrado que dentro do grupo de goberno de Xinzo, non todos reman na mesma dirección, nin os unen os mesmos intereses”, xa que tal e como apuntan ante esta situación “queda ben a vista a disparidade de criterios”. Os e as socialistas argumentan que na reprobación “a metade dos membros da corporación considérana mais que merecida e axeitada” critican que o propio edil do PP “non soubese dar unha explicación coherente pola súa mala conduta”.

“O concelleiro, Carlos Gómez Salgado, debeu esquecer as súas obrigas como representante no concello de Xinzo ás 9:00 horas do día 27 de xuño, e despois de esperar 10 minutos, foi requirido telefonicamente polo seu compañeiro e cabeza de lista do PP”, explicaron os e as socialistas durante o debate da moción. Tal e como quedou demostrado a través de vídeo “cando respondeu a chamada ía conducindo un vehículo en dirección de Ourense e o decatarse do seu esquecemento conectouse por vídeo telefonicamente, sen deixar de conducir o vehículo durante mais de 25 minutos, asistindo e votando os puntos do pleno por este medio, mirando insistentemente a pantalla, e recolocando o dispositivo móbil en numerosas e reiteradas ocasións de xeito temerario, por resultar unha conducta arriscada que pon en risco a súa integridade e a dos vehículos que circulan por esa vía”.

Para a voceira do PSdeG-PSOE de Xinzo, Elvira Lama Fernández, a “gravidade” dos feitos, máis aló da “imprudencia na condución do vehículo, está en que “o pleno do concello nin pode nin debe ofrecer e consentir este tipo de comportamentos, cuestionando a honorabilidade dos representantes que fomos elixidos  pola cidadanía nas pasadas eleccións municipais con independencia do resultado na votación de investidura”. Neste senso, a edil socialista considera que “tampouco debe servir para menosprezar ao máximo órgano de representación popular no concello. E de esperar que un representante público esté a altura da institución e da cidadanía a quen representa, e quedou demostrado e gravado que D. Carlos Gómez incumpriu a súa obriga”.

Os e as socialistas manifestan que “con independencia da condución temeraria e arriscada para a integridade das persoas que circulaban polas vías referidas, estamos diante de unha conducta irresponsable e reprobable do concelleiro, que recen elixido representante do pobo, esquece a súa obriga de asistir ao órgano máximo de representación popular, faltando o respecto aos veciños e ás veciñas ás que representa, aos seus compañeiros de formación e o mais grave a propia institución”.