
O presidente provincial, Luis Menor, xunto ao deputado delegado de Infraestruturas e tamén alcalde da Peroxa, Manuel Seoane, recibiron na Deputación a Santos Gastón Juan, presidente do Centro Galego Vilamarín Peroxano de Bos Aires. Este centro foi constituido a principios do século XX na capital arxentina para defender os intereses dos galegos emigrados no país austral e conta xa cunha traxectoria de 115 anos.
Tal e como explicou Santos Gastón Juan, o centro que preside ten unha intensa actividade orientada a “manter viva a identidade galega dos seus membros”, algo que ratificou Manuel Seoane ao sinalar que “fan unha labor moi importante de representación da poboación galega residente da Arxentina desde hai case 120 anos. É un mérito de todos os dirixentes a gran actividade da que sempre fixo gala este centro”. O presidente provincial, Luis Menor, destacou o enorme valor do seu traballo “para seguir mantendo a nosa identidade entre os galegos residentes na Arxentina”.
Esta visita enmárcase nos actos que terán lugar esta fin de semana en Ourense, con motivo do Pleno do Consello da Galeguidade, que reúne cada 4 anos a todos os presidentes dos centros galegos do mundo, coa fin de traballar conxuntamente as cuestión de interés para os galegos residentes no exterior.