Ás 17:00 horas comezará no salón de actos unha sesión informativa para todos os novos estudantes así como para os que pensan en matricularse noutra ocasión. Será o momento oportuno para aclarar dúbidas ao momento.
OURENSE, 21 de setembro de 2023. UNED Ourense celebrará o mércores, 27 de setembro a xornada de Portas Abertas, destinada a todos os novos estudantes que comezarán o curso no noso Centro. A esa hora serán recibidos polo director, Jesús Manuel García Díaz, para dirixirse ao salón de actos, onde terá lugar unha sesión informativa acerca de como se estuda na UNED, que servizos ofrece o Centro Asociado e todo canto teña que ver con bolsas e outros aspectos administrativos. Tamén pode acudir calquera cidadán que teña intención de matricularse na UNED máis adiante.
Unha vez termine a sesión informativa, os asistentes poderán percorrer as instalacións de UNED Ourense para coñecer as aulas de titorías, a biblioteca, os laboratorios, a aula de exames, o COIE (servizo de orientación ao estudante), e a administración.
“Animo a todos a vir connosco o día 27. É unha maneira de romper o xeo, de coñecer este Centro Asociado e ver como funciona. Cada ano acoden novos estudantes que nos preguntan sobre diversos aspectos da Universidade e é un bo momento para aclarar calquera dúbida”, sinala o director. “Desde as nosas instalacións asomaranse á universidade pública máis grande de España, en estudantes e en oferta formativa, e ao maior campus de Europa. Virán a unha boa e prestixiosa universidade, que non o dubiden”, engadiu García Díaz.