Luis Menor compromete o apoio da Deputación para dar pulo á FP, poñendo a disposición das empresas “persoal altamente cualificado”

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou hoxe, xunto ao conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez; á directora xeral de FP, Eugenia Pérez; e á directora do Centro, Marta Vázquez, na presentación do programa Innovatech FP da Xunta de Galicia, no Centro Galego de Innovación e FP “Eduardo Barreiros”.  

Na súa intervención, o presidente do goberno provincial comprometeu o apoio da Deputación de Ourense para poñer a disposición das empresas persoal altamente cualificado, atendendo ás esixencias do mercado laboral actual. Destacou a importancia da cooperación entre institucións para levar a cabo proxectos como o programa Innovatech FP que sitúa a “Ourense como capital do coñecemento, a innovación e as sinerxías, enriquecendo ó noso territorio, pero tamén a toda a comunidade autónoma”. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Acompañando a Luis Menor estiveron representantes da Deputación de Ourense que integran o Comité Executivo do Centro Galego da Innovación da FP -constituído o pasado 22 de setembro- como o vicepresidente segundo do goberno provincial, César Fernández; e o xefe da sección de Formación da Deputación, Carlos Castiñeiras. 

Este programa, que dará “un novo salto de calidade” ás ensinanzas de Formación Profesional, segundo avanzou o Conselleiro, está enfocado a impulsar a innovación tecnolóxica por parte do alumnado de  FP e a transferencia de coñecemento aos sectores produtivos. A posta en marcha desta novidosa acción do goberno autonómico mobilizará a máis de 2.000 alumnos e 400 profesores de 100 centros de FP durante o curso 2023-2024 e 2024-2025, supoñendo un investimento de 1,5 millóns de euros neste período.  

Centro Galego de Innovación e FP “Eduardo Barreiros”, referente para a comunidade educativa e o tecido produtivo galego 

Na consecución destes obxectivos, terá un papel fundamental o Centro Galego de Innovación da FP situado en Ourense, xa que poñerá a disposición deste programa. as súas instalacións e os seus medios materiais e humanos necesarios.  

Esta infraestrutura, cofinanciada pola Deputación e a Xunta de Galicia cun investimento de máis de 10 millóns de euros, dotou a Ourense “dun laboratorio de estudo e investigación de proxectos, tanto desde a perspectiva académica como de transferencia de coñecemento” que se converteu nun espazo de referencia para a comunidade educativa e o tecido produtivo galego. O Centro foi acuñado co nome do emprendedor ourensán “Eduardo Barreiros”, que ilustra á “perfección o sentido apaixonante deste proxecto que xa é unha realidade”, lembrou o presidente da Deputación de Ourense.