A Xunta destina máis de 1,1 M€ á mellora de instalacións deportivas de 30 concellos da provincia

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén,  supervisou esta mañá, acompañado do alcalde, Amador Vázquez, as obras de mellora da  pista de padel e da accesibilidade e equipamento do baño de home na instalación deportiva municipal de Vilamarín, nas que a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a través da Secretaría Xeral para o Deporte está a investir máis de 48.000 euros.

O delegado territorial aproveitou a visita para lembrar que desta orde de axudas dirixidas a concellos para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas de titularidade municipal e para a adquisición de material deportivo inventariable, foron beneficiarios 30 concellos que percibiron 43 axudas; un total de 1.034.295,34 euros para obras e 119.697,26 euros para equipamentos que suma un total de 1.153.992,69 euros.

AVANTAR ACTIVIDADES

Gabriel Alén detallou que os importes das subvencións foron o 80% do investimento subvencionable, ata o límite de 50.000 euros na Liña I -instalacións- e 10.000 euros na Liña II -material-; polo que a porcentaxe restante foron achegadas polas entidades beneficiarias.

Perante o éxito desta convocatoria que provocou que 22 solicitudes de entidades municipais de toda Galicia foran desestimadas por esgotamento de crédito (todas elas na liña I de instalacións deportivas), a Xunta decidiu sacar unha nova convocatoria de 2 millóns de euros para poder cubrir estas e outras novas peticións. Por iso, sacará neste 2023 tres novas ordes plurianuais para instalacións deportivas. Ademais desta primeira orde para concellos de 6 millóns de euros e a segunda, que terá un orzamento de 2 millóns de euros; tamén cómpre destacar a orde para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora das instalacións de entidades deportivas cun orzamento de preto de 1,3 millóns de euros (sendo executados neste 2023, 600.000 euros). Con todo, o Goberno galego destina neste 2023 preto de 22 millóns de euros para a construción e mellora de instalacións deportivas, o que representa o 50% de todo o orzamento histórico da Secretaría Xeral para o Deporte da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, que neste exercicio acada máis de 44 millóns de euros.

O delegado territorial  tamén se referiu ao anuncio do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que o goberno galego vai crear nos Orzamentos de 2024 un bono para as familias por valor de 120 euros por fillo ou filla, de entre 6 e 16 anos, para a compra de material e equipamento deportivo, asistir a clases ou anotarse nun centro deportivo. Salientou que esta iniciativa, dirixida a deportistas federados, fomentará a vida saudable das xeracións máis novas e chegará a máis de 130.000 fogares, á vez que facilitará a volta ao cole de todas as familias e incentivará as compras no comercio galego.

As obras

As actuacións que se están a executar na instalación deportiva municipal de Vilamarín, consisten na reforma do baño de homes, cun novo sistema de illamento, novo sistema de accesibilidade, nova instalación eléctrica e sanitaria, que doten de equipamentos adecuados ás necesidades dun baño para persoas maiores e de mobilidade reducida.

Tamén se están a desenvolver os traballos de mellora na pista de padel e o  novo pintado nos cerramentos e da pista de xogo.