A voceira de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, demandou este xoves ao goberno galego que incremente e axilice as axudas á dependencia. Reivindicou que o goberno do Estado duplicou a achega para a dependencia enviada a Galicia e reclama ao executivo autonómico maior axilidade da adxudicación en base ao Real Decreto 675/2023 do 18 de xullo.
Na Comisión 5ª do Parlamento de Galicia, a deputada socialista preguntou á secretaria xeral técnica da Consellería de Política Social sobre a situación da dependencia na comunidade autónoma, en particular no referente á ampliación de medios grazas aos recursos chegados dende o Estado co “Plan de Choque de la Dependencia” que aprobou o executivo central.
Despois de escoitar as demandas das familias e asociacións de dependencia, Marina Ortega reclamou directamente ao executivo que empregue os cartos extra enviados dende o Estado principalmente para ampliar as contías que reciben as familias cun membro dependente, así como as horas nas que o Servicio de Asistencia ao Fogar acude ás súas casas e que incrementen as libranzas con axudas para acudir ao centro de día ou residencia, para as persoas de cada grao de discapacidade.
Ante a resposta por parte da representante do goberno galego, eludindo responsabilidades e asegurando que as deficiencias do sistema é por culpa do executivo central, Ortega replicou que tanto á secretaria xeral como á propia conselleira de Política Social “cústalles facer o seu traballo que é render contas á cidadanía” ao que engadiu que “podía ter a decencia da pregunta que enviamos”.
Tamén recomendou á comparecente que o que deben facer é “poñerse as pilas, facer o traballo que teñen encomendado polas competencias atribuídas e non pedirlle a papá Estado que faga todo”. “Parécelles pouco duplicar os cartos para axudas a dependencia do goberno de Pedro Sánchez respecto ao goberno de Rajoy”, engadiu.
Expuxo algúns datos concretos para ilustrar a situación da dependencia en Galicia, como que é unha das comunidades que menos invisten por persoa dependente, a pesar de ser a que máis persoas dependentes ten en relación co total da poboación. Así mesmo advertiu que é a comunidade “que menos solicitudes se inician por habitante potencialmente de toda España, só piden as axudas á dependencia o 16%, porque a xente se cansa ao tardar dous, tres ou catro anos a resolver como ocorre nos últimos tempos”.
Finalizou a súa intervención reclamando que rectifique o seu discurso “lamentable” xa que “o PP foi sanguinario coas axudas á dependencia e como representante do PP debería vir aquí a pedir perdón”. “Non hai maior tomadura de pelo para este colectivo que o que fixo o goberno de Rajoy e o goberno do PP en Galicia”, engadiu.