O grupo municipal socialista sinala que Jácome asume o fracaso do programa Educocio, denunciado polo psoe dende hai meses, e agora pretende endosarllo ao pp

“Dende o seu comezo a desinformación e improvisación foi a tónica. O que reflicte a falta de rigor por parte dos e das responsables, deixando ás ourensás e ourensáns sen unha das alternativas de ocio saudable que máis se precisa”, sinala a edil Cristina Cruz

“O alcalde se desentende das necesidades das familias advertindo de que non hai cartos suficientes mentres pretende aprobar outra modificación de crédito de 425.000 euros para o alumeado de nadal”, engade a concelleira

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 28 de setembro de 2023. O grupo municipal socialista leva meses denunciando a insuficiencia e ineficiencia do programa EDUCOCIO que o alcalde cualifica agora como de “éxito” que debe continuar a Xunta. Xa en xullo a concelleira Cristina Cruz lembraba que os colexios estaban pechados en periodo estival e que tampouco se ofertaba conciliación dende os centros cívicos –argumentando a edil de Asuntos Sociais, Ana Fernández, que non había orzamento “por causas alleas ao Concello”–.

“Dende o seu comezo a desinformación e improvisación foi a tónica. O que se reflicte é a falta de rigor por parte dos e das responsables, deixando ás ourensás e ourensáns sen unha das alternativas de ocio saudable que máis se precisa”, sinala a Cruz sobre un programa que o goberno de Jácome tardou en poñer en marcha máis dun mes e que suprimiu nas vacacións –pese a ser unha medida contemplada tamén para a época non lectiva–.

“A conciliación é crucial dende que a muller se incorporou ao traballo fóra da casa. É un tema de igualdade social, de benestar social… Estase privando aos rapaces e rapazas de Ourense de socializar con outros nenos e nenas, compartir experiencias, cooperar, medrar como persoas”, destaca a edil socialista sobre a eliminación dunha alternativa que precisaba de máis oferta.

“Jácome pretende agora que o PP se faga cargo do programa EDUCOCIO e se desentende das necesidades das familias advertindo de que non hai cartos suficientes mentres pretende aprobar outra modificación de crédito de 425.000 euros para o alumeado de Nadal. Non podemos máis que estar en desacordo coas súas prioridades á hora de gobernar Ourense”, remata a concelleira.