Hoxe deu comezo un curso formativo de confección téxtil destinado a mulleres xitanas no Carballiño. Este é un proxecto de inserción laboral organizado pola Fundación Secretariado Xitano de Ourense, que terá unha duración de tres meses e que pretende que elas aprendan un oficio. A intención é poder ofrecerlles unhas prácticas en empresas e loitar contra a discriminación laboral.
Esta é a primeira vez que se pon en marcha unha iniciativa coma esta no Carballiño, aínda que xa teñen boas experiencias noutros puntos da provincia. Neste caso, estase realizando coa colaboración do Carballiño CCA, que lles facilita as instalacións, e a Mercería La Moderna, quen colabora coa formación e cos recursos como as máquinas de coser e os materiais necesarios.