Espazo Común levará a pleno a construcción dunha autovía Pontevedra-O Carballiño

O Grupo Municipal de Espazo Común vai presentar para o seu debate no pleno ordinario deste mes de outubro unha moción para que o Concello do Carballiño apoie unánime e decididamente a construción dunha autovía Pontevedra-O Carballiño.

Asemade buscárase un compromiso de participación activa no proceso co gaio de axilizar tódolos trámites o máis posible.

AVANTAR ACTIVIDADES

Este o contido da proposta que Espazo Común presentará para o seu debate na antedita sesión plenaria:

MOCIÓN PARA APOIAR A CONSTRUCIÓN DUNHA AUTOVÍA PONTEVEDRA-O CARBALLIÑO

 “A enorme relevancia que teñen hoxe por hoxe ás infraestruturas de comunicación por estrada para a supervivencia do interior galego xa non é nin discutible.

Un concello coma o do Carballiño, alonxado dos grandes focos de concentración poboacional, ubicados na costa, precisa de garantir unhas boas vías que posibiliten desprazamentos rápidos e seguros.

Ese é unha das forzas da nosa área empresarial, ben ubicada para enlazar, por exemplo, con Vigo, Ourense ou Santiago.

Tamén é un factor fundamental á hora de atraer turistas ou de fomentar a importancia do Carballiño coma punto de encontro.

Sen embargo, dende hai moitos anos sufrimos unha eiva que segue sen resolver: a conexión con Pontevedra. Unha cidade tradicionalmente moi ligada ás costumes dos nosos veciños, tanto como destino de negocios, de praia ou mesmo, remontándonos séculos atrás, como orixe da nosa tradición pulpeira.

A N-541 que cubría esta conexión, está avellentada e non se adecua en absoluto ás necesidades existentes na actualidade. Non hai mellor proba do antedito que os constantes accidentes que se producen ao seu paso polo casco urbán da nosa vila e para os que levamos anos clamando solucións.

Houbo que agardar a que no Nadal pasado se producira un terrible accidente nesta estrada nacional no Concello de Cerdedo-Cotobade para que houbera unha reacción política de tódolos lugares por onde transcorre e se organizara un movemento que impulse melloras, sobre todo no relativo á seguridade.

Nos últimos días púxose enriba da mesa a demanda da construción dunha nova autovía que sustitúa á xa demasiado problemática N-541. Unha iniciativa á que xa se sumaron a Deputación de Pontevedra e os concellos de Pontevedra e Ourense.

O Carballiño como concello máis importante polo que transcorre este traxecto entre as cidades de Pontevedra e Ourense, ten que liderar a exixencia e facer todo o posible por axilizar este proxecto, non podemos agardar a sufrir máis desgracias nesa estrada nin renunciar a unha comunicación óptima coa capital do Lérez.

Visto todo o anteriormente comentado,

                                                              SOLICITAMOS

  1. O apoio unánime desta corporación á proposta de construción duhna autovía entre Pontevedra e O Carballiño.
  2. Que o Concello do Carballiño informe mensualmente na comisión correspondente ao resto de grupos dos avances reais deste proxecto“.