O Círculo de Empresarios de Galicia organiza unha xornada sobre o turismo como motor económico e sostible, co apoio da Deputación de Ourense

Xornada de “Turismo, motor de crecemento e desenvolvemento sostible”.- O deputado delegado de Turismo, Rosendo Fernández, participa na xornada de “Turismo, motor de crecemento e desenvolvemento sostible” no Centro Cultural "Marcos Valcarcel". Tamén partcipan Pablo López, Montserrat Cruz (Mestra da Universidade de Vigo) e Santiago Rodríguez.

O Círculo de Empresarios de Galicia organiza co apoio da Deputación de Ourense unha xornada para analizar o turismo como motor económico e sostible. O deputado delegado de Turismo, Rosendo Fernández, foi o encargado de dar a benvida aos asistentes ao Centro Cultural Marcos Valcárcel, unha das sedes onde se está a celebrar o evento, xunto coa de Vigo conectadas telemáticamente.     

Na súa intervención, Rosendo Fernández expuxo a importancia que ten o turismo para o goberno provincial entendido como “un elemento vertebrador” do territorio, e o traballo realizado nos últimos tempos pola institución provincial a prol dun turismo sostible que contribúa a paliar o desafío demográfico “xerando emprego e riqueza sobre todo no rural”.  

AVANTAR ACTIVIDADES

Ao fío disto, o deputado de Turismo explicou que a marca turística da provincia reflexa precisamente os catro recursos cabeceira que son “o principal atractivo do noso territorio: enogastronomía, natureza, patrimonio e termalismo. A fortaleza destes recursos permítenos contar cunha oferta desestacionalizada en Ourense, un dos grandes retos que ten que abordar o turismo”.  

Ademais, existen produtos como os “Trens Turísticos”, posto en marcha en 2013 entre Renfe, a Deputación de Ourense, a través do Inorde, e Turismo de Galicia, que “contribúen a desestacionalizar esa oferta turística estival proporcionando unha opción diferente de marzo a outubro de coñecer a nosa provincia”. Xunto a este exemplo, Rosendo Fernández salientou o traballo realizado desde a chegada da Alta Velocidade a Ourense no sector turístico MICE “aproveitando as condicións idóneas que ten a nosa provincia para organizar eventos ligados a experiencias de valor engadido no territorio. Un traballo que se está a notar pois cada vez son máis as asociacións e organizacións que escollen Ourense para celebrar os seus congresos ou reunións”. 

O Círculo de Empresarios de Galicia propón esta xornada para analizar o turismo e o seu impacto noutros sectores, tendo en conta ca súa aportación ao PIB sitúase por riba do 12%, así como para ligar o seu futuro ao da sustentabilidade a través de relatorios centrados en cuestións como o turismo verde, a dixitalización, a xestión dos destinos, entre outros.