Para o Bng os Orzamentos da Xunta para 2024 confirman o abandono para o PP de Ourense

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

PRESAS: “OS ORZAMENTOS 2024 CONFIRMAN O ABANDONO DO PP A OURENSE”

Para o BNG “son un refrito de promesas retrasadas no tempo, sen medidas novas para blindar servizos como a sanidade pública nin para o impulso económico”

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Lamenta que “non haxa nin un só euro para as promesas de Rueda á cidade, nin termalismo, nin transporte metropolitano, nin plantación de árbores, nin ecobarrio, nin apoio ao campus ou novas especialidades sanitarias”.

Ourense 20/10/2024. A deputada nacionalista por Ourense e voceira de Facenda, Noa Presas, fixo unha valoración inicial en chave ourensá do proxecto de orzamentos que vén de facer públicos da Xunta de Galiza e lamenta que “os orzamentos 2024 confirmen o abandono do PP a Ourense ao ser un refrito de promesas atrasadas no tempo, sen medidas novas para blindar servizos como a sanidade pública nin para o impulso económico”.

De forma singular, a deputada lamenta que “sexan a proba do abandono da cidade, da que o PP se desentende despois de entregar o goberno a Jácome, pois non se inclúe un só euro para cumprir as promesas de Rueda e atopamos un orzamento sen ideas nin ambición, non hai recursos para esa área termal que é só un titular, nin transporte metropolitano, nin plantación de árbores, nin ecobarrio, nin apoio ao campus ou novas especialidades sanitarias” e criticou ademais que “a Xunta dá por perdido o ecobarrio e quítao dos orzamentos cando prometera 20 millóns de euros e 300 postos de traballo” ou que “volva meter a partida do edificio administrativo como gran promesa cando simplemente a moven de ano a ano”.

Para o BNG “Só hai unha novidade, que é a partida para o Centro de Ciberseguridade de Galiza, 4 millóns que non compensan 15 anos de abandono. O resto son promesas e proxectos xa anunciados e repetidos dos que na maioría só se compromete unha partida pírrica para iniciar proxectos, como as reformas viarias de Bemposta ou da OU-533 e OU-540, que levan anos no caixón”

Ademais o BNG lamenta que “en materia sanitaria novamente os recursos son maioritariamente para os eternos accesos do CHUO, a obra de nunca acabar, e non se aumenten especialidades como xeriatría ou ictus. Vemo como despois de prometerse no 2021 aparece unha partida para a sala de hemodinámica que non cobre as necesidades de mellora do Hospital. Tampouco as destinadas a Valdeorras e Verín, partidas rutineiras de melloras parciais da infraestrutura sen comprometer os servizos que demanda a cidadanía.”

Así mesmo, a deputada recorda que “a gran proposta para atención primaria en Ourense é rematar o CIS, que leva 3 anos pintándose nos orzamentos mentres Lugo e Lalín xa remataron as obras”,  nin un centro de saúde novo que non leve anos anunciado como o da Rúa ou de Carballiño pendentes desde hai unha década e ningunha novidade relevante para a cidade

Canto ao impulso do medio rural “que só haxa 16.000 euros para a recuperación de grandes incendios é un insulto porque en Ourense hai un impacto acumulado que reparar, e preocupa que non haxa unha partida especifica para seguir traballando no regadío da Limia nin un plan para abordar a seca e o cambio climático no sector primario ourensá, cun clima moi específico respecto do resto do país, nin para mellorar o sector vitivinícola cando temos catro DO que son motor de futuro”.

Presas lamenta que “non haxa partidas para o impulso económico nin innovador: ningún compromiso novo co Campus de Ourense, os investimentos en ensino limítanse a arranxos nos centros de ensino e nin un euro para proxectos innovadores ou industriais específicos de Ourense, a consellaría de Industria non goberna para Ourense”.

En materia de vivenda “recórtase o orzamento galego do rexurbe de 7 a 5 millóns, o que vai prexudicar a Ourense, que ademais de ser a cidade con máis vivenda baleira de Galiza, non ten medidas específicas da consellaría”

Finalmente, a deputada lamentou que “en materia de política social non se comprometa unha residencia pública de maiores financiada pola Xunta de Galiza nin a xestión pública do CADP”.