“O de San Francisco non é un mero camposanto na cidade, dende fai 23 anos está declarado como Ben de Interese Cultural”, lembrou a portavoz do PSdeG, Natalia González Benéitez
“A semana pasada pedimos a Democracia Orensana unha actuación integral nos camposantos e a resposta que obtivemos por parte do equipo de goberno foi que se levarán a cabo reparacións que semellan unha chapuza que non supera os 18.000 euros”, engadiu
Ourense, 23 de outubro de 2023. O grupo socialista do Concello de Ourense reclama ao goberno de Jácome que mellore as instalacións dos cemiterios de titularidade municipal en vésperas do Día de Tódolos Santos. “O de San Francisco non é un mero camposanto na cidade, dende fai 23 anos está declarado como Ben de Interese Cultural”, lembrou a portavoz do PSdeG, Natalia González Benéitez.
“Trátase dun panteón ao aire libre de ilustres da cultura ourensá e galega como Eduardo Blanco Amor, Otero Pedrayo, Olga Gallego ou José Ángel Valente, entre outros moitos, que repousan neste cemiterio e son visitados a cotío por xente procedente de tódolos lugares do país”, destacou a tamén secretaria xeral do partido en Ourense. Ademais, no seu interior tamén hai mostras arquitectónicas interesantes ao deixar a súa pegada Daniel Vázquez-Gulías (aparte do mausoleo familiar no que descansan os seus restos).
As, cada vez máis fortes, tormentas e o abandono por parte do goberno local fan que o deterioro deste espazo, emblemático e histórico, adquira cotas profundas e dificulte as propias tareas de mantemento dos traballadores e traballadoras que coidan o camposanto. “Fochancas e camiños de difícil tránsito son a tónica imperante entre as sepulturas”, incidiu logo de comprobar ‘in situ’ as condicións do de San Francisco.
“O grupo municipal socialista pedíu, a semana pasada, a Democracia Orensana unha actuación integral nos cemiterios de titularidade municipal e a resposta que obtivemos por parte do equipo de goberno foi que se levarán a cabo reparacións que semellan un parche. Unha chapuza que non supera os 18.000 euros e que servirá para tapar baches a curto prazo”, expuxo a socialista engadindo que a longo prazo a situación volverá a ser a mesma que actualmente.
Nesta liña, insisten en que urxe unha remodelación integral para poñer en valor, e sacar de verdade do abandono no que está sumido, este lugar emblemático e o resto de camposantos para que poidan ser visitados en condicións dignas.