Marina Ortega sinala que os Orzamentos de Política Social retratan unha Consellería “xorda ás necesidades da cidadanía e dos colectivos vulnerables”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O grupo socialista cualifica de “timo da estampita” a axuda de política social para coidadores de dependentes que antes suprimiran Feijóo e Rajoy

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2023. A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, cualificou hoxe de “timo da estampita” a axuda da Consellería de Política Social para coidadores de Dependentes. Ortega interveu na comparecencia da conselleira para presentar os Orzamentos de 2024, que rebaixan un 15,8 por cento a partida para autonomía persoal e prevención da Dependencia por parte dunha Consellería “xorda ás necesidades da cidadanía e dos colectivos vulnerables”.

Criticou que presenten agora esta axuda de 5.000 euros anuais logo de que o PP de Rajoy e de Feijóo recortara máis de 4.000 millóns de euros na Atención á Dependencia, e de que a Xunta leve anos facendo revisións de oficio para reducir as valoracións da Dependencia “á metade, unha terceira parte ou mesmo para suprimilas”. Criticou o seu desinterese coa Lei de Dependencia, con “innumerables recortes”, rebaixando as prestacións e suprimindo a cotización especial aos coidadores.

Advertiu que logo dos recortes impostos polo PP na Atención á Dependencia, tivo que ser o goberno presidido por Pedro Sánchez o que recuperara o impulso deste dereito, duplicando a aportación estatal para as axudas á Dependencia e retomara as cotizacións aos coidadores. Ortega criticou que a conselleira non explique se o Centro de Atención a Persoas con Discapacidade de Ourense, que acumula xa un retraso de 7 anos, terá xestión directa ou a través dunha empresa.

A parlamentaria socialista reclamoulle á Xunta que modifique a Lei de Inclusión para facer á Risga compatible co Ingreso Mínimo Vital, e lembrou que hoxe en Ourense só 600 persoas reciben esta axuda da Xunta fronte aos 11.000 beneficiarios do IMV. Acusou á Xunta de converter en “vítimas dunha inxusta chantaxe” ás persoas en máis dificultades, acusando ao goberno central para “tapar que non queren” reforzar a Risga.

Criticou as políticas insolidarias do goberno galego, que no peor da suba de prezos retirou a tarxeta básica de axuda á adquisición de produtos básicos, e esixiu a súa reactivación permanente. Tamén pediu un “proxecto de calado” contra a pobreza infantil, logo de lembrar que 100.000 menores galegos atópanse en risco de pobreza ou exclusión, así como o cumprimento da Lei de Impulso Demográfico, que prevé un plan de apoio ás familias monomarentais.

Residencias de maiores

Sinalou que a día de hoxe seguen sen presentar o novo modelo residencial, e mesmo “foron a peor”, agora ingresando a persoas menores de 65 anos con patoloxías psiquiátricas graves nas residencias de maiores, obrigando aos usuarios a convivir con “casuísticas incompatibles terapéuticamente”. Reclamou recursos multidisciplinares para os pacientes psiquiátricos xa que, advertiu, as residencias “non están preparadas para darlles unha atención integral.

Ortega reclamou de novo unha investigación polas denuncias de chivatazos das visitas das inspeccións ás residencias de maiores por parte dos cargos da Consellería, e esixiu que aclaren que “en vez de investigar ao denunciado parece ser que agora perseguen aos que denunciaron”.

Ortega lamentou a falla dun “traballo coordinado entre consellerías” e dunha “maior receptividade” ás necesidades da cidadanía e das propostas que presentan a través do Grupo Socialista. Reclamou que “leven a cabo promesas incumpridas”, como o novo modelo de atención para persoas maiores, o plan para a soidade non desexada e o proxecto para a prevención dos efectos das redes sociais na infancia e adolescencia.