O Psdeg do concello de Ourense logra que o pleno apoie o mantemento das Unis e que se aprobe orzamento para as entidades sociais que deixaron de percibir axudas por falta de crédit

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Por outra banda acadou o apoio á súa iniciativa, por unanimidade, para que Ourense se adhira á rede de cidades libres de tráfico de mulleres, nenas e nenos destinados á prostitucións e se revisen as licenzas de locais que promoven este tipo de explotación sexual

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Tamén se aprobou instar ao Executivo de Jácome a realizar obras integrais de recuperación e mantemento nos tres cemiterios de titularidade municipal e a poner en valor o camposanto de San Francisco pola súa riqueza cultural e histórica

Ourense, 3 de novembro de 2023. Logo de denegarse a inclusión dunha moción de urxencia no pleno de outubro para abordar a situación pola que atravesan os servizos sociais da cidade, o PSdeG solicitou, xunto ao BNG, a convocatoria dun pleno extraordinario no que se puidera profundizar na problemática e os recortes anunciados polo alcalde. Dita sesión tivo lugar esta mañá, antes da ordinaria do mes de novembro e nela a corporación apoiou maioritariamente ­–cos votos a favor de todos os grupos e a abstención de Democracia Orensana­– esixir ao goberno de Jácome que manteña as catro UNIS nos seus actuáis emprazamentos e garantido os recursos humanos necesarios para os seus funcionamentos.

Así mesmo, entre os puntos aprobados, esíxeselle ao Executivo local que prorrogue o programa integral postCOVID-19 e que traslade, para a súa aprobación urxente, unha proposta de modificación orzamentaria para abonar as subvencións que once entidades sociais deixaron de percibir –tanto este como o ano pasado– por falla de crédito na partida.

Neste senso, tamén se reclama que se habiliten os mecanismos precisos para que as case 100 familias que cumpren cos requisitos para recibir bolsas de comedor e libros no inicio deste curso poidan disponer das mesmas, á maior brevidade posible, e que se modifiquen as bases da convocatoria de axudas para libros e material escolar para o vindeiro curso.

“Mentres o alcalde anunciaba a supresión das UNIS vostedes calaron, cun silencio atronador por parte do Partido Popular, mentres saltaban estas noticias. Non abriron a boca, nin para defender ao funcionariado para pedir respeto cara eles nin para denunciar os recortes en servizos sociais”, lembrou a portavoz do PSdeG, Natalia González Benéitez, cando o PP lle recriminou non incluilos na solicitude do pleno extraordinario. E engadiu que, no caso de estar interesados en defender o que hoxe se debateu, poderían terse pronunciado cando o rexedor denegou a inclusión da moción de urxencia na sesión ordinaria de outubro. “Era unha decisión inxusta e arbitraria que incluso vai contra o regulamento de funcionamento do pleno”, incidiu a edil.

Moción sobre a trata

Por outra banda, o grupo do PSdeG acadou o apoio na sesión ordinaria de novembro a súa iniciativa, por unanimidade do pleno, para que o Concello de Ourense se adhira á rede de cidades libres de tráfico de mulleres, nenas e nenos destinados á prostitución. Tamén para que, a través de ordenanzas, se prohíba a colocación, repartición e divulgación de publicidade que fomente o consumo de prostitución e o turismo sexual.

“Asumimos que, desde a política local, desde os nosos ámbitos competenciais debemos seguir traballando para dotar de recursos e garantías ás mulleres, nenas e nenos vítimas de explotación sexual”, sinalou a socialista Cristina Cruz Fernández. “Dese o Concello poden implementarse moitas medidas porque é un asunto transversal e educacional. A igualdade seguirá sendo inalcanzable mentres se compren mulleres e nenas e iso é unha relidade incluso entre a veciñanza ourensá”, afirmou cando a edil de DO suxeriu que é a política estatal a que ten que loitar contra a prostitución.

Aparte de xerar conciencia social sobre a violencia que leva parella, a corporación acordou que se revisen as licenzas municipais concedidas para garantir o cumprimento efectivo da normativa vixente en relación ás actividades desenvolvidas en determinados locais, co fin de que se evite que neles se promova este tipo de explotación.

“Existen xa concellos, como os de León ou Vigo, nos que se multan aos puteiros que van aos clubes de alterne e todas as medidas que nos solicitamos na moción poden levarse a cabo, só fai falla vontade política”, rematou Cruz.

Moción sobre cemiterios

O grupo municipal socialista, ademais, vén de lograr que se aprobe unha iniciativa para que o goberno local recupere e restaure aquelas zonas dos cemiterios da cidade que se atopan degradadas. Tamén se inclúe na moción –apoiada cos votos a favor do PP e BNG e a abstención de DO– a necesidade de poñer en valor o patrimonio artístico e cultural do camposanto de San Francisco a través da promoción de visitas guiadas e a elaboración de material específico que recolla a relevancia das figuras célebres que alí repousan, “nun formato accesible a todos os públicos e que se distribúa na oficina de turismo municipal ou nos establecementos hoteleiros”.

Que o camposanto de San Francisco continúe na Asociación Europea de Cemiterios Singulares –para situar a historia da cidade de As Burgas no mapa de urbes con atractivo turístico neste eido– é o terceiro punto do acordó respaldado por todos os grupos da oposición. “Consideramos que un dos puntos turísticos de maior atracción de Ourense podería residir nunha mellor e máis ampla promoción deste camposanto, incrementando tanto a oferta cultural como o número de visitantes que se acheguen cada ano”, sinalou a socialista poñendo como exemplo o que acontece en París.

“Lamento non terme equivocado cando dicía que se alteraba a orde do pleno e o alcalde pasaba as mocións sobre servizos sociais e igualdade para o final, malia terse rexistrado antes, pola falta de sensibilidade do alcalde con estes temas. Pois deixa retratada a súa falta de interese en asuntos impostantes para todos e todas”, criticou a portavoz do grupo municipal socialista ante a ausencia do rexedor que se ausentou xusto cando se debateron as mocións do PSOE e o BNG.