O BNG de Barbadás reclama retomar as actividades da Romaría Feminista impulsada pola formación nacionalista no seu día e suprimida polo actual Goberno Local

Desde a formación nacionalista entenden preciso “afianzar de novo as políticas de igualdade. Vemos con tristeza como este ano non se levou a cabo esta xornada de convivio, porque segundo o Goberno Local, coincidía no tempo con outras actividades, aínda que para nós isto non sexa máis que unha mera desculpa para botar por terra aquelas actuacións que levaban o selo do BNG neste concello

AVANTAR ACTIVIDADES

Barbadás, 05 de setembro de 2023. O Grupo municipal do BNG en Barbadás rexistrou para o Pleno que a Corporación ten previsto celebrar este luns 6 de novembro, unha iniciativa encamiñada a reivindicar o día 25 de novembro e para por o foco na necesidade de “impulsar compromisos económicos e orzamentarios para garantir a atención ás vítimas de violencia machista”.

Para o Portavoz nacionalista no Concello, Sarín Núñez, “ante o negacionismo e a banalización da violencia machista, é urxente un compromiso político e orzamentario firme por parte de todas as institucións. Máis aínda nun contexto no que vimos de ver como no ano 2022 e no que vai de 2023, aumentaron os feminicidios tanto en Galiza como no conxunto do Estado”.

“Esta situación, que se dá ademais nun contexto socio-político de avance dos discursos machistas, debe facer saltar todas as alertas nas administracións públicas e levar á revisión dos mecanismos previstos para mellorar a prevención e a intervención, así como para concienciar á sociedade das consecuencias do patriarcado e da falsidade dos discursos que cuestionan a súa existencia”.

Mais para o BNG de Barbadás hai un feito que evidencia a falla de compromiso do actual Goberno Local do PsdeG-PSOE e apoiado por DO e non é outro que a supresión da Romaría feminista impulsada polos nacionalistas durante a súa estadía no Goberno.

Segundo Sarín Núñez, “vemos con tristeza como este ano non se levou a cabo esta xornada de convivio, porque segundo o Goberno Local, coincidía no tempo con outras actividades, aínda que para nós isto non sexa máis que unha mera desculpa para botar por terra aquelas actuacións que levaban o selo do BNG neste concello”.

No Pleno de mañá, desde o BNG solicitaránlle ao Executivo Local, entre outras medidas encamiñadas á loita contra a violencia machista, “impulsar de novo a Romaría Feminista como unha das actividades que pularon para que o noso concello se convirtira no seu día nun dos concellos pioneiros nas políticas de igualdade neste país, fomos referenciais e queremos volver a selo”.