O Psdeg-Psoe de Punxín presenta unha moción co obxectivo de impulsar a creación dun obradoiro de emprego que sirva para dar novas oportunidades laborais á veciñanza

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Os e as socialistas instan ao bigoberno municipal a iniciar as negociacións “necesarias” para incluír a Punxín na solicitude da próxima convocatoria dun obradoiro de emprego

Lorena Peleteiro afirma que a inclusión “sería unha oportunidade única para recuperar o noso patrimonio, esquecido pola administración local, e para xerar oportunidades de inserción laboral entre aqueles veciños e veciñas que se atopan sen traballo”

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Punxín, 7 de novembro de 2023. O PSdeG-PSOE de Punxín vén de presentar unha moción para o seu debate na vindeira sesión plenaria na que insta ao goberno municipal a creación ou posta en marcha dun obradoiro de emprego no municipio. Os e as socialistas animan ao bigoberno municipal do PP e CxG a iniciar as negociacións “necesarias” con concellos da comarca ou ben con concellos de comarcas limítrofes, co obxectivo de “incluír a Punxín na solicitude da próxima convocatoria dun obradoiro de emprego”.

Dende o grupo municipal socialista argumentan que esta moción vén motivada pola “desidia” e a “deixadez” dos distintos gobernos municipais ao longo dos últimos anos. Tal e como apuntan “o actual alcalde e os seus respectivos equipos de goberno non moveron un só dedo para incluír ao noso municipio nas solicitudes para participar nun obradoiro de emprego”.

Para a voceira do PSdeG-PSOE en Punxín, Lorena Peleteiro Vázquez, a inclusión de Punxín dentro dun obradoiro de emprego con outros municipios da contorna “sería unha oportunidade única tanto para o patrimonio municipal, como para a veciñanza”. Neste senso, a edil socialista afonda nas “necesidades” do municipio, afirmando que “Punxín precisa tanto unha mellora nos seus bens patrimoniais como o impulso do emprego”.

Tal e como sinala Peleteiro Vázquez “a falta de emprego no noso concello é unha realidade que todos e todas coñecemos e fronte a que debemos actuar de xeito decidido, ofrecendo posibilidades, non só de emprego directo, senón tamén de formación, para que os nosos veciños e as nosas veciñas incrementen as súas posibilidades e garantías de inserción laboral”.

Os e as socialistas de Punxín fan fincapé tamén no “abandono” que sofre o patrimonio municipal ante a “pasividade” do goberno municipal, que tal e como apuntan “prefire mirar para outro lado namentres esmorecen os muíños, as fontes, fornos, tanques, eiras, e ducias de bens totalmente esquecidos pola administración local”. Neste senso afirman que un obradoiro de emprego “sería beneficioso para recuperar o patrimonio e para formar e darlle unha oportunidade laboral a aqueles veciños e veciñas que non dispoñen de traballo”.