O Psdeg-Psoe de Viana reclama a “inmediata” reapertura da oficina que a Deputación tiña no municipio para atender asuntos relacionados cos impostos e o catastro

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Os e as socialistas denuncian que fai uns meses pechouse un servizo “esencial” para a veciñanza e no que se ofrecía unha “atención integral para a xestión de consultas e o arranxo de incidencias”

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Germán García-Ávila destaca que “nunha poboación tan envellecida como a de Viana do Bolo, non é de recibo que se peche esta oficina”, motivo polo que esixe solucións “urxentes” e súa apertura “inmediata

Viana do Bolo, 10 de novembro de 2023. O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo vén de presentar unha moción para o seu debate na sesión plenaria do vindeiro día 16 de novembro, na que piden que se manteña aberta a oficina que a Deputación Provincial de Ourense tiña no municipio para xestionar temas relacionados co pago de impostos. Os e as socialistas instan ao concello a que esixa que a Deputación restaure este servizo que viña prestando, abrindo, de “maneira inmediata”, a oficina de recadación, ofrecendo “atención integral de xestión de consultas e arranxo de incidencias, como viña facendo ata o de agora”.

Dende o grupo municipal socialista explican que o concello de Viana do Bolo mantén subscrito un convenio coa Deputación Provincial de Ourense para a xestión de cobro dos diferentes impostos que se aplican á veciñanza. Un acordo aprobado no pleno do 15 de decembro de 2008, vixente ata o ano 2013, e que se foi prorrogando tacitamente por períodos de 4 anos. Tal e como explican, o convenio “supón un custo elevado para as arcas municipais, xa que varía trimestralmente dende os 40.000 euros aos 70.000”.

Ante esta situación, o voceiro do PSdeG-PSOE en Viana do Bolo, Germán García-Ávila Arias, pon de manifesto que “ante estes custes que asumen as arcas municipais, entendemos que a Deputación debe prestar un servizo integral e non só o mero trámite de xestionar o cobro de recibos que están domiciliados”. O edil socialista considera que o peche da oficina “aberta ata fai uns meses”, supón que a veciñanza “non teña un punto ao que acudir para resolver dúbidas e incidencias, ou para arranxar os innumerables erros de asignación das propiedades no catastro”.

García-Ávila Arias destaca que “nunha poboación tan envellecida como a de Viana do Bolo, non é de recibo que se peche esta oficina”, motivo polo que esixe a apertura “inmediata, ou no caso de que a Deputación poña algún atranco, abrila, como pouco, dous días a semana”. O voceiro socialista esíxelle a concello e Deputación “sensibilidade cara a veciñanza, facilitando, que de maneira presencial, poidan arranxar os problemas que se lle presentan”.

Dende o PSOE de Viana do Bolo explican que tralo peche da oficina “a veciñanza vese na obriga de acudir as oficinas de Ourense ou por en mans de profesionais o arranxo das diferentes situacións que se presentan, co correspondente custe económico que supón para os seus petos”. Os e as socialistas tamén reclaman que se a Deputación rexeita a posibilidade de apertura de oficina a diario ou dous días a semana que o equipo de goberno “realice un estudo exhaustivo e o presente a pleno, a efectos de estudar e no seu caso aprobar, a viabilidade de contratar o servizo integral do cobro dos impostos e a apertura dunha oficina de atención, cunha empresa especializada nestas xestións”.