Sandra Quintas, José Jaime Sousa, Ana Villarino e Manuel Pérez formarán parte da asamblea da entidade para o novo mandato
· O rexedor de Cartelle, en nome dos seus comppañeiros, expresou o seu desexo de que o período que agora comeza “permita ofrecer solucións ás demandas de toda a cidadanía, e non como desgraciadamente estamos a ver con privilexios entre territorios por puros intereses partidistas”
16, novembro, 2023. As entidades locais gobernadas polo Partido Popular na provincia de Ourense estarán representadas na Federación Galega de Municipios e Provincias para o mandato 2023-2027 por catro alcaldesas e alcaldes: Sandra Quintas (Bande); José Jaime Sousa (Cartelle); Ana Villarino (Oímbra), e Manuel Pérez (Paderne de Allariz).
Os representantes ourensáns no consello federal da Fegamp foron elixidos no decurso da XI Asemblea Ordinaria da entidade, celebrada en Santiago de Compostela e na que se constituíron os órganos directivos desta entidade para o novo período.
José Jaime Sousa, en nome dos seus compañeiros, agradeceu a oportunidade que se lles brinda “para representar aos concellos ourensáns na defensa dos seus intereses e da veciñanza, así como tamén para facer as súas achegas ás iniciativas da Xunta de Galicia en materia lexislativa”.
Sousa quixo destacar que a colaboración entre administracións é esencial “se queremos que os nosos concellos podan ofrecer servizos de calidade para fixar poboación”, por iso expresou o seu desexo de que este novo mandato da Fegamp “permita ofrecer solucións ás demandas de toda a cidadanía, e non como desgraciadamente estamos a ver con privilexios entre territorios por puros intereses partidistas”.
Os gobernos do Partido Popular así o están demostrando, subliñou, poñendo en valor o novo modelo de financiamento en materia de cooperación cos concellos no que está a traballar o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, ou o anuncio realizado onte mesmo na asemblea da Fegamp polo vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, ao sinalar que a Xunta de Galicia traballa na reforma da Lei de Administración Local de 1997. Unha iniciativa que permitirá adaptar este texto á realidade demográfica galega actual ao proporcionar ás entidades locais en risco de despoboamento ferramentas que garantan a calidade dos servizos municipais, avanzando cara a un novo municipalismo do século XXI.