Leiro acolle a 80 persoas na andaina solidaria pola igualdade

O concello de Leiro retomou este pasado sábado unha andaina solidaria pola igualdade a Pena Corneira. A participación contou con preto de 80 persoas, unha cifra satisfactoria para a organización. Chegaron ata a área recreativa de Pena Corneira, facendo unha visita á necrópole de Orega, ás ruínas do castelo de San Xoán e ao mirador, guiados polo antropólogo Xosé Antonio Gulías Lamas.

Tivo unha función solidaria, en favor da Fundación Amigos de Galicia. A metade do custo da inscrición será doado á asociación coa que se traballa dende os servizos sociais deste concello con familias desfavorecidas. Neste caso irá destinado a ofrecerlles un Nadal mellor.

AVANTAR ACTIVIDADES

Dende o concello, o tenente alcalde asegura que queren mantela no tempo, para facer deporte, potenciar os puntos turísticos e contribuír a unha causa solidaria.