O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, vén de asumir o cargo de presidente da Fundación “Eduardo Blanco-Amor”, na xuntanza celebrada hoxe polo Padroado da entidade no Pazo Provincial, para analizar as actividades que se desenvolverán no ano 2024 para honrar o legado do escritor ourensán.
O Padroado acordou organizar para o vindeiro ano, unha serie de actos que inclúen algunhas conferencias e a publicación dun facsímile da revista “Terra”, publicada hai 100 anos en Buenos Aires e da que foi redactor xefe Blanco-Amor.
O vindeiro sábado, 25 de novembro, o xurado do XLII Premio de novela Blanco-Amor reunirase no Centro Cultural Marcos Valcárcel para elixir ao gañador ou gañadora desta edición do certame que organiza anualmente a Fundación Eduardo Blanco-Amor coa colaboración da Deputación de Ourense. O premio, dotado con 15.000 euros e unha peza escultórica orixinal de Acisclo Manzano, será entregado o 1 de decembro, data do 44º cabodano do falecemento do senlleiro autor ourensán.
O Padroado acordou a próxima incorporación dun novo patrón: Juan Saco Cid, antigo presidente da Fundación Otero Pedrayo, que se suma ao Padroado da Fundación Blanco-Amor, logo de que no pasado mes de setembro falecera o sobriño do escritor ourensán, Eduardo Camilo Bóveda Sebastián.