A feira do viño do Ribeiro convoca o concurso de carteis para a súa 61ª edición

A organización da Feira do Viño do Ribeiro, formada polo C.R.D.O. Ribeiro e o Concello de Ribadavia, convoca o concurso de carteis para seleccionar o que vai representar a 61ª Feira do Viño do Ribeiro, que se celebrará do 3 ao 5 de maio de 2024. A proposta que resulte gañadora do concurso será premiada con 1.000 euros.

A Feira do Viño do Ribeiro busca un cartel que faga alusión á D.O. Ribeiro e o seu #MovementoRibeiro, termo que alude á renovación, ao rexurdir e á reinterpretación da Denominación de Orixe máis antiga de Galicia. Tendo en conta que é unha D.O. con viños de calidade, de paisaxe e territorio. No concurso poderán participar deseñadores e artistas profesionais de calquera nacionalidade, podendo presentar cada un deles unha única obra que terá que ser inédita.

AVANTAR ACTIVIDADES

A data de recepción dos proxectos estenderase ata o 12 de xaneiro de 2024. Con todas as obras presentadas farase unha preselección polo público nunha exposición en Ribadavia, que poderá votar na última semana de xaneiro. Desta quenda sairá unha mostra de 20 obras para a final. A selección do gañador do concurso farase na primeira semana de febreiro cun xurado experto, formado por profesionais do deseño e artes, momento no que se fará pública a imaxe e o seu creador.