A Deputación acolleu esta mañá a presentación da 37ª edición do Anuario da Gaita, unha publicación que, en palabras do presidente provincial, Luis Menor, “son case 40 anos dun traballo riguroso, especializado e centrado nun dos emblemas do noso patrimonio e da nosa cultura: a gaita galega”.
O Anuario da Gaita publícase anualmente desde 1986, coincidindo coa posta en marcha da Escola Provincial de Gaitas de man de Xosé Lois Foxo. Dende o seu inicio deu conta das actividades no mundo da gaita, non somentes en Ourense e Galicia, senón tamén internacionalmente. Pasou de ser unha humilde publicación a un referente internacional en canto á investigación científica e recursos do instrumento. De feito, os máis destacados investigadores veñen colaborando no mesmo de ano en ano. Tal é a súa importancia que o anuario chega a diferentes bibliotecas e estudosos do instrumento dos cinco continentes, dando conta das búsquedas e aconteceres, como actividades do Museo Internacional de Cornamusas, Real Banda de Gaitas, Festivais e incluso pasamentos de persoeiros destacados no mundo da música tradicional.
“Por todo elo, para min é unha honra alentar a todos os que fan posible esta publicación a que sigan contribuíndo a facer o mundo da gaita máis grande. E quixera tamén poñer en valor o magnífico traballo que realiza a Escola Provincial de Gaitas desta Deputación durante case catro décadas. Desde logo, un traballo do que Ourense debe sentirse ben orgulloso, por tanto e tan bo que levan feito pola provincia en particular e pola cultura galega en xeral”, recalcou o presidente provincial, Luis Menor.
Na presentación do número 37 do Anuario da Gaita participaron, ademáis do presidente da Deputación, Luis Menor; e do director da Escola Provincial de Gaitas, Xosé Lois Foxo; o destacado mestre-artesán, Antón Corral, que tén realizado un fecundo labor no desenvolvemento dos recursos tímbricos, novas tonalidades ou afinacións da gaita, da zanfona e outros instrumentos populares; e o compositor Xosé Casal, que é considerado un dos máis virtuosos gaiteiros, tendo realizados múltiples gravacións e composicións. Foi instructor en numerosas agrupacións da Coruña. Como pintor, recentemente aportou unha vasta bagaxe de pinturas de famosos gaiteiros para o Museo Internacional de Cornamusas.
Na presente publicación hai que destacar traballos realizados sobre a recente recuperada cornamusa do norte de Italia Pia ou Baghèt, realizado por Fernando Molpeceres así como outros novedosos traballos do que debemos destacar ao Dr. Fritz Schneider Dudelsack spielende Frauen, Mulleres Gaiteiras e outros, tal e como explicou Xosé Lois Foxo, quen proclamou que “podemos presumir en Ourense dun referente a nivel internacional como é a Escola Provincial de Gaitas da Deputación”.