«Os escritores somos un pouco psicólogos e detectives», di a carballiñesa, profesora da UVIGO e afectada de parálise cerebral que vén de autopublicar a súa segunda novela.
Con gallo da celebración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade (3 de decembro), Badal Novas entrevista á escritora carballiñesa Laura Novelle, profesora de Historia da UVIGO, que acaba de publicar a súa segunda novela Todo lo que he callado, dispoñible en Amazon e en Libraría Escolma.
Afectada de parálise cerebral e con mobilidade reducida, historiadora, docente e activista a prol da accesibilidade universal, falamos con ela sobre libros, escritura e discapacidade, entre outros temas.

Acabas de sacar do prelo a túa segunda novela. ¿Qué vai atopar o lector? ¿Está relacionada coa anterior?
Son novelas distintas. A trama e os personaxes son diferentes. O lector que teña lido a miña novela debut, Cuando me digas te quiero sí que vai recoñecer o estilo, pero non se parecen. A miña primeira novela estaba máis enfocada ao público xuvenil, mentres que Todo lo que he callado é máis thriller, máis negra, cunha historia de amor e cun trasfondo histórico importante. Eu véxoa máis complexa.
¿Cómo definirías Todo lo que he callado en poucas palabras?
Como unha historia de amor con toques de thriller que non ten estereotipos e si moitas sorpresas. Gústame romper moldes. Todos temos na cabeza o típico policía alcohólico e crápula das películas, pero o protagonista da miña novela é a antítese desa idea. Un home preto dos 50 anos, familiar, bo pai, que se coida fisicamente… Leva unha vida bastante ordenada, o cal non quere dicir que non teña miserias e problemas. Esas miserias van empezar a saír cando teña que aceptar un caso por orde do seu superior. É un libro moi agradable de ler, busco meter ao lector na trama, case como se estivera creando a súa propia película mental do que acontece.
Comentas que este libro ten un trasfondo histórico. ¿Inflúe a túa formación de historiadora para escribir ficción?
Si, desde logo. Tiña ganas de apostar por iso na miña seguinte novela e creo que o conseguín. A evolución do personaxe vaino levar a involucrarse en sucesos da Historia recente e iso é o que traballei especialmente. Documento moitísimo os sucesos, os ambientes, os lugares nos que se desenvolve a trama… De feito, engadín un epílogo para que o lector saiba cales sucesos foron reais e cales non. Dubidei moito se incluilo ou non, pero na decisión pesou a miña condición de historiadora. Creo que lle da solidez e termina de redondear a historia.
As historias de amor son importantes nas túas novelas. ¿Cres que o xénero romántico está denostado?
Gústame crear historias de amor porque todos podemos sentilo e identificarnos con el. Creo que por iso o lector disfruta con este tipo de historias. Iso si, eu tento que sexa verosímil, non me gustan as historias infantilizadoras que están tan de moda (por exemplo no último Premio Planeta). Creo que iso vese ata na portada, que é escura porque na novela tamén se tratan temas moi duros. Tampouco me gusta cousificar ás personaxes femininas. Están na trama por si mesmas (por exemplo Mara, a fixa do protagonista) e teñen personalidade. O xénero romántico sempre se ten asociado a folletín e por iso non entra dentro do ecosistema literario “oficial”, pero é o máis consumido. As historias eróticas e románticas venden. Tamén se di que os homes non len historias románticas pero a miña experiencia é xusto a contraria. Eu creo que todo xénero é válido se o autor ten unha historia que contar e o fai con dignidade e cariño pola linguaxe. Os lectores apréciano. En Todo lo que he callado hai moito cariño e tamén unha maquetación fantástica feita por unha cooperativa local galega. Amazon é a plataforma, pero parte do prezo do libro queda en Galicia.
¿Cómo é o teu proceso de escritura? ¿Qué che motiva para escribir?
Escribo desde nena, pero tardei moito en tomar a decisión de autopublicar. Entre que xurde a idea e empezo a escribir poden pasar 3 ou 4 meses. Necesito documentar ben antes, establecer os puntos clave, tramas e subtramas. Tamén traballo moito cada personaxe. Eu necesito mínimo un ano entre un libro e outro. Isto hoxe en día é unha eternidade, se pensamos que hai vídeos de TikTiok que duran segundos para atraer a atención. Eu corrixo moitísimo, teño moito respecto polo lector. Unha boa amiga dime que súo sangue con cada liña que escribo e non lle falta razón. Sempre vou en pos da mellor versión. As motivacións para escribir son variadas, pero normalmente adoitan ser cousas que leo, conversas que escoito… Os escritores somos un pouco psicólogos e detectives: vemos a vida como un conxunto de sucesos susceptibles de converterse nunha historia.
Hoxe é 3 de Decembro. Día das Persoas con Discapacidade. ¿Qué che inspira esta data?
1.300 millóns de persoas no mundo sufrimos algún tipo de discapacidade. Creo que somos moitos e moitas, pero non sempre se nos da voz. Segue a falarse por, non con nós. As datas sinaladas son importantes, pero moitas veces adoitan quedar niso. A loita do noso colectivo é diaria, sempre buscando recursos, prazas asistenciais, apoios… Non me gusta “romantizar” a discapacidade nin falar de superación, porque iso fainos quedar como heroes e non o somos. Unha persoas con discapacidade precisa dignidade e atención personalizada para acadar unha vida independente. Tan sinxelo (e tan complexo) coma iso.
¿Sufriches discriminación ou situacións de vulnerabilidade pola túa discapacidade?
Ter discapacidade e ser muller é un binomio de propensión a sufrir violencia de xénero (hai estudos que falan dun 20% dentro deste grupo, que é un universo de poboación reducido). O paro estrutural no noso colectivo é crónico. Eu persoalmente non sufrín discriminación por ser muller, pero si vivín diferencias de trato como profesora na Universidade. Ao ter mobilidade reducida, non podo optar a estancias no estranxeiro, que están pensadas para profesores “estándar”, e iso déixame en desvantaxe para promocionar, por exemplo. Avanzouse moito en integrar ao alumnado con discapacidade, pero cando falamos de Educación Superior, a cousa cambia. Ás mulleres sempre se nos esixe máis. E unha muller con discapacidade ten que ter un entorno moi privilexiado e resistencia de diamante para manterse na carreira. Resulta esgotador.
¿Estás traballando nalgún novo proxecto?
Si. Para min a escritura é a vida, necesítoa como respirar. É posible que Todo lo que he callado teña continuación. Dependerá da resposta dos lectores.
Agradecemos a Laura Novelle ter atendido a Badal Novas e desexámoslle moito éxito.