Marina Ortega, levará unha proposición non de Lei á Comisión de Sanidade que se celebra mañá para reclamarlle á Xunta que cubra as dúas prazas de Pediatría no Centro de Saúde do Carballiño.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A parlamentaria socialista Marina Ortega, levará unha proposición non de Lei á Comisión de Sanidade que se celebra mañá xoves, a partir das 10,30 h. no Parlamento de Galicia, para reclamarlle á Xunta que cubra as dúas prazas de Pediatría no Centro de Saúde do Carballiño.

PROPOSICION NON DE LEI

O Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, por iniciativa da súa
deputada e do seu deputado Marina Ortega Otero e Julio Torrado Quintela,
a través do portavoz e ao abeiro do disposto no artigo 160 do Regulamento da
Cámara, presenta ante esa Mesa a seguinte proposición non de lei para o
seu debate en Comisión 5.ª, Sanidade, Política Social e Emprego.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
A comarca encabezada polo Concello do Carballiño, que conta con máis de
14.000 habitantes no núcleo urbano e máis de 26.000 habitantes que
dependen sanitariamente do centro de saúde do Carballiño.
Hai un ano os veciños e veciñas do Carballiño uníanse para reivindicar unha
praza adicional de matrona no centro de saúde, así como a necesidade dunha
maior cobertura de atención xinecolóxica e pediátrica.
Os servizos que se blinden nas provincias máis afectadas pola despoboación,
nomeadamente Lugo e Ourense, serán parte da loita polo reto demográfico, un
dos desafíos máis importantes para Galicia, tendo en conta que somos das
comunidades autónomas co peor saldo vexetativo do país. Especialmente
grave na provincia de Ourense, onde as persoas pensionistas xa superan ás
cotizantes. A atención en pediatría é unha das áreas sanitarias máis
demandadas, contando con dúas prazas que na actualidade atópanse sen
cubrir en ningún dos casos na xornada completa, debido nun caso a unha
xubilación e dependendo todos os menores da comarca dun único profesional
que se despraza dende outro centro.
A sanidade pública é un dos servizos prioritarios e condicionantes para o
benestar e asentamento da poboación. Tendo en conta que a provincia de

Ourense é a que peores datos demográficos e de saldo vexetativo ofrece, o
goberno galego ten que exercer políticas de discriminación positiva que garanta
servizos coma a sanidade pública. E máis aínda tendo en conta que as
mulleres que deciden ser nais nesta provincia, e nomeadamente na comarca
do Carballiño deberan ter blindados os servizos de matrona, xinecoloxía e
pediatría como mínimo. Tendo en conta a carencia de pediatras nestes
momentos, máis a inexistencia de pediatría polas tardes nin no servizo de
urxencias, fai que a maioría de nenos e nenas teñan que recorrer ao servizo de
urxencias de Ourense, moitas veces colapsado, ou á sanidade privada.
Estamos a falar dun dos núcleos máis importantes da provincia despois da
cidade, en termos de poboación. É preciso que o Goberno galego acolla estas
demandas que os veciños e veciñas do Carballiño están a trasladar, para así
garantir servizos da sanidade pública tan importantes para afianzar poboación
como estes.
Por todo o exposto, o Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia presenta
a seguinte proposición non de lei para o seu debate en Comisión:
O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a que, a través da Consellería de
Sanidade, cubran ás dúas prazas de pediatría do centro de saúde do
Carballiño de inmediato.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------