Música, teatro e danza ocupan a programación do primeiro semestre de 2024 do Teatro Principal da Deputación de Ourense

Programación Teatro Principal.- O vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández, participa na ROLDA DE PRENSA de presentación da programación do primeiro semestre de 2024 do Teatro Principal. Tamén participan Jacobo Sutil Nesta (Director do AGADIC) e Olga Mojón Costela (Directora do Teatro Principal).

O Teatro Principal da Deputación de Ourense vén de facer pública a programación para o primeiro semestre do 2024 que inclúe espectáculos de música, teatro e danza. O vicepresidente segundo da Deputación e deputado de Cultura, César Fernández, foi o encargado de presentar dita programación esta mañá xunto ao director de AGADIC, Jacobo Sutil; e á directora do Teatro, Olga Mojón.  

César Fernández anunciou que a Deputación de Ourense, ao igual ca o AGADIC, incrementará o orzamento destinado ao Teatro Principal materializando “o compromiso firme do goberno provincial a prol da defensa da cultura” e recoñeceu o traballo de todo o persoal do Teatro Principal e da súa directora por conformar unha programación “dunha enorme calidade e diversidade coa que conseguimos chegar a todos os ámbitos”.  

AVANTAR ACTIVIDADES

Reafirmou a importancia de programar unha oferta cultural para os máis cativos para “crear públicos” como ferramenta para lograr “unha sociedade máis crítica e humana”. Neste sentido, o vicepresidente segundo da Deputación dixo que o Principal é “unha infraestrutura cultural para a provincia e tamén para Galicia, xa que ofrece unha programación estable durante todo o ano”. 

Pola súa banda, o director do AGADIC sinalou que “a diversidade da programación que trae o Teatro Principal demostra o compromiso que ten a Deputación de Ourense de achegar a cultura a todos os públicos” e lembrou que se incrementará “un 17% a dotación orzamentaria” ao Principal. 

A directora do Teatro Principal fixo un balance “moi positivo” deste ano explicando que a programación se centrou no público máis mozo, colaborouse coa Universidade de Vigo e apreciouse un aumento no número de abonados e de espectadores por funcións. De feito, destacou que iniciativas como as de “Nadal de familia” xa están consolidadas e proba dilo é que se esgotan as entradas. Outro dos fitos salientables é, como afirmou Olga Mojón, que froito do traballo das institucións e do Teatro “logramos contar coa confianza das compañías que actúan no Teatro”. 

Representacións teatrais do primeiro semestre  

A actividade do Teatro Principal comezará coas actividades programadas do programa “Nadal en familia” continuando o 14 de xaneiro coa obra “Protocolo del quebranto”, de Unahoramenos e o 20 de xaneiro con “Los amigos de ellos dos”, de Producciones Off-Vania. A Compañía Nacional de Teatro Clásico traerá unha revisión dun dos clásicos de Lope de Vega co espectáculo “La discreta enamorada”.  

Os asistentes tamén poderán gozar de obras como “Las guerras de nuestros antepasados”, de Pentación Espectáculos, ou “El archipiélago de los desastres”, de Elena Carrascal. Haberá presenza ourensá da man de Sarabela Teatro con “O Dragón de ouro” e Ibuprofeno Teatro estará presente na programación coa súa última produción “Deadpan Karaoke”. 

Lolita Flores volve ao Principal como protagonista da obra “Poncia”, de Pentación Espectáculos – Teatro Español, na que dará vida a unha das criadas da obra de “La casa de Bernarda Alba”. Tamén estará Ron Lalá co espectáculo “4×4” o 13 de abril e “Hasta que la muerte nos separe”, de Inconstantes Teatro, o 19 de abril. 

Os actores Javier Gutiérrez e Luis Bermejo actuarán no Principal coa obra “El traje”, de Vania Producciones Off e haberá unha obra “moi dura pero entrañable” da man de Teatro de la Abadía – Ur Teatro con “Coraje de madre”. Haberá espazo para a comedia tamén con Pentación Espectáculos que traerán o espectáculo “La comedia de los errores”. Seguidamente, estarán “Pandataria”, de Losdedae e “Sibaris”, de Condetrespés. Para poñer o broche de ouro final a esta programación, El Brujo trae ao Principal a obra “El viaje de monstruo fiero”. 

Ademais, terá o seu propio espazo no Teatro a Miteu e volve tamén o Pórtico do Paraíso coa obra “Música e memes” coa que espera achegar dun xeito novidoso a música clásica aos espectadores que poderán interactuar cos seus dispositivos móbiles.   

Música no Principal 

A música tamén acapara un espazo importante novamente na programación do Principal con actuacións salientables como a da Real Filharmonía de Galicia co espectáculo “Mestres das cortes xerais”; co concerto de Pancho Varona ou de Eli Paperboy Reed. 

Entradas á venda 

A venda de abonos do primeiros semestre de 2024 está dispoñible desde hoxe ata o 27 de decembro www.teatroprincipalourense.com e na web de ataquilla, na propia taquilla do teatro en horario en horario habitual de 12.00 ás 14.00 horas; así como nas sedes de Afundación de Ourense, Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela.  

Máis información: www.teatroprincipalourense.com.