Os e as socialistas acusan ao rexedor, Amador Díaz, de amparar as decisións da responsable de área, Cistina Campero, que ordenou desmouchar de novo as árbores desta céntrica rúa, autorizando este tipo de poda en contra dos informes e dos criterios dos técnicos
Elvira Lama considera que en Xinzo “volveron as vellas prácticas de desmouchar ás árbores, que xa no ano 2017 non puideron talar polo pé debido ao movemento xurdido en defensa das árbores na Limia, pero vese que continúan con prácticas reprobadas polos especialistas”
Xinzo de Limia, 16 de decembro de 2023. O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia denuncia un novo e “grave” atentado ecolóxico contra o arborado da vila desta vez na Avenida de Celanova. Os e as socialistas acusan ao rexedor, Amador Díaz, de amparar as decisións da responsable de área, Cistina Campero, que ordenou desmouchar de novo as árbores desta céntrica rúa da capital, autorizando este tipo de poda en contra dos informes sobre as árbores e dos criterios dos técnicos que o martes visitaron o lugar.
Dende o grupo municipal socialista critican que o equipo de goberno municipal actúe en contra das recomendacións dos informes e dos técnicos que visitaron o parque e a avenida de Celanova esta mesma semana en compañía da concelleira e responsable da área de parques e xardíns, recentemente tamén nomeada axente forestal da Xunta de Galicia. Os e as socialistas consideran que Campero e Díaz “deberían deixarse aconsellar polos que saben e non mandar actuar a lixeira, facendo caso omiso aos técnicos”.
A voceira do PSdeG-PSOE en Xinzo, Elvira Lama Fernández, considera que en Xinzo “volveron as vellas prácticas de desmouchar ás árbores, que xa no ano 2017 non puideron talar polo pé debido ao movemento xurdido en defensa das árbores na Limia, pero vese que continúan coas prácticas reprobadas por todos os especialistas”. A edil socialista explica que a brigada da Deputación achegouse ata Xinzo cunha “urxencia extraordinaria”, e a pesares de que na xunta de voceiros confirmaron que a intervención “ía ser escada, e en todo caso, ían facer o que se lle dixera por parte dos responsables municipais, a realidade foi outra”.
Lama Fernández apunta que polo que se pode comprobar “están levando a cabo un auténtico desmouche, en lugar de podar lateralmente aquelas polas que poidan ocasionar inxerencias nas propiedades da veciñanza”. A voceira socialista explica que este tipo de actuacións, a xuízo dos entendidos en arborado urbano, “é a que non se debe facer se se quere reconducir a grave situación na que se atopan as árbores”. Neste senso tamén sinala que estas árbores “foron podadas en altura no ano 2021 e apenas precisaban de actuación algunha durante catro ou cinco anos, salvo en puntos concretos de interferencia lateral con diversas propiedades”.
“Somos coñecedores de primeira man do estado de tódalas árbores urbanas de Xinzo porque nos preocupaba e pos ese motivo se encargou un informe técnico”, apuntan os e as socialistas. Neste senso tamén afirman que “coñecemos, despois de analizar os problemas, cales son as técnicas a aplicar e en ningún caso se fala no informe, nin se aconsella desmouchar as árbores como se está facendo, xa que esa técnica é a culpable do lamentable estado no que se atopan as árbores despois de anos de mala praxe, algo que para o alcalde e o resto do seu equipo parece que non lles preocupa”.