Ourense, 22 de decembro de 2023.- A Corporación provincial de Ourense celebrou hoxe o seu pleno ordinario correspondente ao mes de decembro, no que se adoptaron os seguintes acordos:
Recoñecemento extraxudicial de créditos
O pleno aprobou un expediente de recoñecemento extraxudicial de créditos por importe de 702.760,74 euros,
Delegación na Deputación da recadación do Concello de Manzaneda
O Concello de Manzaneda delega na Deputación o exercicio das competencias de xestión, liquidación e recadación en voluntaria e executiva e revisión de actos de tributos e outros ingresos de dereito público.
Modificación da ordenanza fiscal da taxa pola prestación do servizo do BOP
Aprobouse inicialmente a modificación da ordenanza fiscal da taxa pola prestación do servizo do Boletín Oficial da Provincia. Establécese a taxa pola inserción de anuncios e documentos de calquera clase no BOP. O custo dependerá da extensión do texto, o espazo ocupado polas imaxes, gráficos ou similares e polo carácter ordinario ou urxente da publicación.
Modificación da ordenanza reguladora do servizo do BOP
Así mesmo, aprobouse definitivamente a modificación da ordenanza reguladora do servizo do Boletín Oficial da Provincia de Ourense, logo de que fora aprobada inicialmente polo pleno no pasado pleno do mes de outubro.
A proposta da modificación establece a obrigatoriedade de remitir os anuncios nos dous idiomas oficiais (galego e castelán), polo que non se fixa o prezo para a tradución dos textos remitidos polos interesados. Este acordo obriga a modificar o artigo 8 da ordenanza en tramitación, no senso de eliminar as referencias á tradución de orixinais remitidos.
Orzamento do Consorcio de Augas de Valdeorras
Aprobouse o orzamento do Consorcio de Augas de Valdeorras para o exercicio 2024, por importe de 1.755.000 euros, previamente aprobado pola asemblea do Consorcio celebrada o pasado 11 de decembro, así como a súa integración no orzamento xeral da Deputación para o exercicio 2024.
Revogación da delegación das competencias de recadación do Concello do Barco de Valdeorras na Deputación
O Pleno acordou revogar a delegación na Deputación do exercicio das competencias de recadación e revisión dos actos ditados da taxa por depuración de augas residuais dos municipios da Comarca de Valdeorras, relativa ao Concello do Barco de Valdeorras. Acordo previamente adoptado por unanimidade pola asemblea do Consorcio de Augas de Valdeorras.
Capítulo de mocións
Servizo da recollida do lixo
- Instar ao goberno do Partido Popular a un compromiso categórico para desbotar calquera iniciativa dirixida á privatización do servizo de recollida e tratamento de residuos que a Deputación de Ourense presta en réxime de competencia delegada, apuntalando o seu carácter público e non mercantil, sen ánimo de lucro, transparente, sustentable e que faga plenamente efectivo o dereito a unhas prestacións suficientes, estables, eficaces e eficientes.
- Instar ao goberno do Partido Popular a paralizar calquera decisión que implique retrocesos no servizo de recollida e tratamento de residuos a través da súa privatización, que puideran implicar un deterioro nas prestacións ofrecidas e un encarecemento do custo para a veciñanza.
- Instar ao goberno do Partido Popular a avanzar cara o reforzamento do servizo de recollida e transferencia de residuos que a Deputación de Ourense presta en réxime de competencia delegada con vistas a ampliar as prestacións ofrecidas á veciñanza, independentemente do seu concello de residencia, e tamén para garantir unhas mellores condicións laborais aos traballadores afectados a este servizo.
Polígonos empresariais
1.- O Pleno da Deputación Provincial de Ourense asume a apoia ás seguintes demandas:
a) Necesidade dunha nova depuradora de augas residuais. A actual foi deseñada en 1997 para un escenario que en nada se parece ao actual. A problemática fundamental ven dada polos vertidos recorrentes ao rio Barbaña e que teñen suposto importantes sancións aos concellos nos que se ubican estes parques empresariais. Polo tanto faise precisa a dotación do orzamento necesario para a execución do proxecto (inicialmente de 30 M€) e que cumprirá reevaluar.
b) Ampliación de oferta de espazo empresarial no de San Cibrao (aprox 400.000 m2) e Pereiro de Aguiar (aprox 200.000 m2), e novo espazo (aprox 1,1 Mm2) no concello de Paderne de Allariz.
c) Conexión viaria entre parques, que conecte a cidade transporte, a zona leste e sur. É dicir, remate da conexión da VG-3.1 coa OU- 101.
d) Estación ferroviaria de mercadorías. Considerado un proxecto estratéxico que non só suporía unha importante mellora para as empresas existentes e futuras, senón tamén un importante aforro enerxético e económico, diminución de tráfico pesado e polo tanto de accidentes, e por suposto, menores custes de mantemento da rede viaria.
e) Elaboración e desenvolvemento dun proxecto de remodelación, mantemento e acondicionamento básico de viais e canalizacións. Existe xa unha memoria que cuantifica en 14 M€ as mínimas e necesarias reformas.
f) Posta en marcha dun plan de Transporte Metropolitano (que inclúa liña de “metro en superficie” entre as estacións de Empalme e San Francisco co polígono San Cibrao) que conecte a cidade e concellos limítrofes cos polígonos empresariais co duplo obxectivo de dar servizo, fundamentalmente ás persoas que alí traballan e ao mesmo tempo contribuír á diminución do tráfico de vehículos privados, coa correspondente mellora medioambiental.
g) Completar servizos que permita unha mellora en medidas de conciliación laboral.
2.- Remitir ás distintas administracións estas mesmas demandas co obxectivo de que sexan asumidas na medida que corresponda ás súas competencias.
Fondos das Confederacións Hidrográficas
- Instar á Confederación Hidrográfica Miño Sil e a Confederación Hidrográfica do Duero a un reparto igualitario e equitativo de fondos a todos os concellos pertencentes a cada conca.
- Instar á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e á Confederación Hidrográfica do Duero a unha revisión, e nos casos que sexa posible, a unha simplificación de burocracia para dar maior axilidade coas autorizacións sectoriais dependentes deles.
- Instar á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e á Confederación Hidrográfica do Duero a axilizar os traballos de limpeza dos leitos e marxes dos ríos, dado o seu estado de abandono polo seu escaso mantemento.
- Instar á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e á Confederación Hidrográfica do Duero á axilización do procedemento correspondente en canto aos plans básicos municipais que están en tramitación actualmente, facendo posible contar con estes instrumentos urbanísticos fundamentais para os concellos que están a sufrir grandes retrasos derivados da lentitude coa que as confederacións hidrográficas realizan ditos procedementos.