O BNG de Ribadavia denuncia a situación de precariedade no servicio do Servizo de Axuda no Fogar
Ribadavia 27 de decembro de 2023.
Mañá xoves 28 debaterase no pleno municipal de Ribadavia unha moción do grupo municipal do BNG de Ribadavia en demanda de melloras na situación na que se presta o servicio do SAF (Servizo de Axuda ao Fogar), un servizo esencial xa que en toda a comarca do Ribeiro non se dispón dunha residencia pública de atención a persoas de avanzada idade, tendo en especial consideración a situación da comarca, cunha poboación moi envellecida nunha provincia onde o 12.1% dos habitantes ten máis de 80 anos e o 31.8% pasa 65 anos.
Unha situación que non é nova nesta lexislatura, senón que xa ven arrastrada de mandatos anteriores.
Entre as demandas que dende o noso grupo se solicitan, destacan:
1. Aumentar o número de traballadoras que prestan este servizo, xa que o número actual é claramente insuficiente, especialmente cando algunha traballadora se atope de baixa ou de vacacións, obrigando ás súas compañeiras a ter que cubrir esas vacantes sen respectarse os períodos de descanso establecidos no convenio e obrigando así a ter que traballar semanas enteiras de seguido, co prexuízo que isto causa no servizo. Por outra banda, ao non ter un número de traballadoras que se adecúe as necesidades reais, estas teñen que facer quendas para atender aos usuarios, o que fai que unha persoa dependente sexa atendida por distintas traballadoras nunha mesma semana.
2. Dotar de medios, xa que non son suficientes os que dispoñen, por exemplo carécese dunha axuda mecánica que facilite erguer ou mover persoas dependentes ou con mobilidade reducida, tendo unicamente a axuda da forza física das traballadoras, o que pode acabar por xerar moitos problemas de saúde no persoal (dor nas costas, brazos e ósos, hernias…) e que en consecuencia aumenten as baixas médicas das traballadoras, incrementando así o problema descrito no punto anterior.
3. Un recoñecemento real e acorde á importancia do traballo realizado, mediante subas salariais dignas e non practicamente co salario mínimo interprofesional como se está a pagar actualmente.
Enfatizamos que este é un dos servizos máis importantes que un concello ten a obriga de proporcionar e tratándose ademais da poboación máis vulnerable e neste mandato seguiremos a mobilizarnos ata conseguir estas reivindicacións tan necesarias.
MOCIÓN A PROL DE MELLORAS NAS CONDICIÓNS LABORAIS DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
O sector laboral dos coidados ás persoas é un sector feminizado e precarizado. Estamos a asistir por todo o país á crecente mobilización de colectivos de traballadoras de distintos sectores dos coidados e o ensino: axuda no fogar, escolas infantís, limpeza… que atenden servizos públicos esenciais para o benestar social e denuncian a precariedade laboral que padecen.
As traballadoras que prestan o servicio do SAF (Servizo de Axuda ao Fogar) atenden un servizo esencial xa que en toda a comarca do Ribeiro non se dispón dunha residencia pública para persoas de avanzada idade, tendo en especial consideración a situación da comarca, cunha poboación moi envellecida nunha provincia onde o 12.1% dos habitantes ten máis de 80 anos e o 31.8% pasa 65 anos.
O SAF é un dos servizos máis importantes que o concello proporciona, vital para poboación máis vulnerable, e existen unha serie de reivindicacións laborais pendentes que consideramos xustas.
Por estes motivos, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción dos seguintes
ACORDOS
1. Aumentar o número de traballadoras que prestan este servizo, xa que o número actual é claramente insuficiente, especialmente grave no caso de que algunha traballadora se atope de baixa ou de vacacións, obrigando ás súas compañeiras a ter que cubrir esas vacantes sen respectarse os períodos de descanso establecidos no convenio e obrigando así a ter que traballar semanas enteiras de seguido, co perxuízo que esto causa no servizo.
2. Suplir a falta de medios, especialmente provendo ás traballadoras de axuda mecánica que facilite o levantamento ou mobilidade de persoas dependentes ou con mobilidade reducida, o que tamén reduciría as baixas médicas das traballadoras e con elo o problema descrito no punto anterior.
3. Reivindicar un recoñecemento salarial real e acorde á importancia do traballo desempeñado.