A comisión de festas de Santa María do Campo e San Roque do Irixo traballa xa na organización do 2024. Para recadar diñeiro puxeron á venda lotería para o sorteo do Neno, que terá lugar o día de Reis, o vindeiro sábado.
Para incentivar a todos a mercar un décimo, fixeron un pequeno spot no que o tan coñecido Lisardo soña que “o neno ven para O Irixo”. Foi tal o éxito desta curta que en apenas unhas horas dende que se fixo pública vendeuse toda a lotería que quedaba dese número, o 60% dos 550 décimos dispoñibles. Aínda a día de hoxe a xente segue preguntando para mercar o número xa famoso, pero xa non é posible. Desta historia quedan moitas anécdotas na memoria, e un soño, que toque de verdade.