O BNG de Barbadás reclamará este luns en Pleno que o Goberno Local deixe de empregar as RRSS municipais con fins partidistas

Desde a formación nacionalista denuncian que “nos últimos tempos estamos vendo como o Grupo de Goberno de PSOE e DO non diferencian o uso dos recursos do Concello e os recursos das súas formacións políticas e fan un uso partidista e interesado das redes sociais municipais e da súa páxina web”

AVANTAR ACTIVIDADES

Barbadás, 07 de xaneiro de 2024. O Grupo municipal do BNG no Concello de Barbadás esixirá este luns no Pleno municipal e a través dunha moción, que o actual Goberno Local “deixe de empregar as redes sociais do Concello de Barbadás para uso partidista”.

Segundo o Portavoz nacionalista Sarín Núñez, “os Concellos, ao igual que o resto de administracións públicas, deben ter como obxectivo principal o ben común”, ao que engade, “as prácticas corruptas dalgúns Grupos políticos e persoas á fronte destas institucións fai que a cidadanía amose un rexeitamento cara a actividade política en xeral e cara aos políticos en particular”.

Desde o BNG destacan que o uso en beneficio propio ou partidista das institución públicas “non sempre é por motivos directamente económicos, en moitas ocasións faise un uso partidista e interesado destas institucións e dos seus recursos en beneficio propio e interesado”.

Núñez Pérez lembra que “no Concello de Barbadás vimos como no pasado a institución estaba ao servizo dos construtores e das inmobiliarias, e que houbo aproveitamento económico persoal dos anteriores dirixentes, mais cando no ano 2015 o PP de Barbadás perde a mayoría absoluta e xa co BNG no Goberno, ábrese un novo camiño na democratización da institución e na posta ao servizo da cidadanía dos recursos públicos municipais”.

Mais, tal e como sinalan desde o BNG, trala saída dos nacionalistas do Goberno Local e, sobor de todo, tralas eleccións do pasado 28 de maio, “estamos vendo como o Grupo de Goberno de PSOE e DO non diferencian o uso dos recursos do Concello e os recursos das súas formacións políticas, e fan un uso partidista e interesado das redes sociais municipais e da súa páxina web, algo que desde o BNG rexeitamos, motivo polo que esixiremos ao Goberno Local que cese neste comportamento”.