A Deputación cooperará co Concello de Carballeda de Avia na creación dunha senda na estrada a Leiro e para a consecución dun tractor rozadoira que protexa Pena Corneira

Luis Menor recibiu no Pazo Provincial ao rexedor Luis Milia, co que analizou tamén o Plan CooperOU, “polo que Carballeda de Avia percibirá 600.000 euros para investimentos nos vindeiros anos”, explicou o presidente provincial 

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 16 de xaneiro de 2024.- O presidente provincial, Luis Menor, mantivo esta mañá unha reunión de traballo co rexedor de Carballeda de Avia, Luis Milia, na que repasaron a cooperación que vén prestando a Deputación a este municipio da comarca do Ribeiro. Así, no que vai de mandato, aprobáronse 40.000 euros no pasado outubro para cofinanciamento de obras no pavillón de Abelenda, “e por outro lado se lle comunicou que no Plan CooperOU o Concello de Carballeda de Avia percibe este ano 157.199 euros, que cos incrementos previstos nos vindeiros exercicios terá garantido máis de 600.000 euros para investimentos neste mandato, o cal foi saudado positivamente polo rexedor”, explicou Menor. 

O presidente da Deputación e o alcalde de Carballeda de Avia estableceron tamén diversos proxectos de colaboración para este ano, como un convenio para a realización dunha senda no tramo Costeira, na estrada OU-0306 que comunica este municipio con Leiro; así como a reparación dun pontillón para o regato que une Valde e A Serra, ademáis da petición do concello de inclusión no convenio con Medio Rural para acadar un tractor con rozadoira que lle dea servizo ao municipio e especialmente para a protección do monumento natural de Pena Corneira.