O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantivo no Pazo Provincial unha reunión de traballo co secretario e tesoureiro da asociación de Veciños de Santa Lucía de Freás do Concello de Castrelo de Miño, Ramón Méndez e José Manuel Fernández, respectivamente, que acompañados polo alcalde do municipio, Avelino Pazos, visitaron a Deputación.
O presidente provincial lembrou que a Deputación financia as obras do centro cívico do Castro de Santa Lucia de Freás no que xa se está a acometer a súa ultima fase. Na xuntanza, Luis Menor comprometeuse a colaborar tamén coa posta en marcha do museo etnográfico, “un proxecto de gran relevancia para a contorna, pero tamén para toda a provincia en xeral, porque exporá neste espazo toda a cultura tradicional da zona”.
Luis Menor aproveitou o encontro para agradecer a esta asociación “o seu compromiso co territorio que se materializa ao longo de todo ano cun variado programa de actividades que contribúe a dinamizar a vida social e cultural da zona”. Mostra do traballo que realiza esta entidade que conta cun cento de asociados é que “lograron recuperar unha máscara do Entroido que levaba en desuso máis de 50 anos”, salientou o presidente provincial.