Este venres día 19 de xaneiro temos no Auditorio Manuel María do Carballiño a proxección da última película do director español Albert Serra, Pacifiction. Unha historia ambientada na illa da Tahití, na Polinesia francesa, e centrada na figura do representante do estado francés, o alto comisionado da República, a través do cal nos narra a decadencia dunha época cunha sucesión de imaxes dunha estraña fermosura e melancolía. Protagonizada ademais por un excelente elenco de actores, entre os que destacan Benoit Magimel no papel protagonista (valeulle o Premio ao Mellor actor nos premios Cesar da Academia francesa) e o español Sergi López nun papel secundario.
Os dous pases serán en versión orixinal subtitulada en castelán , o primeiro no horario habitual das 20:00 horas e o segundo ás 22:45, dado que a duración da película pasa das dúas horas e media.