O PSOE de Punxín alerta sobre o servizo “desastroso” que o concello está a prestar nos servizos sociais municipais

O PSdeG-PSOE de Punxín alerta sobre o servizo “desastroso” que están a prestar os servizos sociais municipais, que lonxe de mellorar co novo goberno municipal “non fan máis que ir a peor”. Os e as socialistas advirten que hai veciños e veciñas que levan máis de dúas semanas agardando por unha consulta coa traballadora social, xa que esta non acude ao concello os días estipulados e nos que debería atoparse exercendo a súa labor.

Dende o grupo municipal socialista de Punxín sinalan que os servizos sociais atópanse nunha situación “calamitosa, penosa e desoladora”, por mor da “inacción” do goberno municipal e do “desleixo” que amosan cara un servizo “fundamental”, nun concello do rural e cunha poboación moi envellecida. “Punxín precisa duns servizos sociais que se vexan reforzados e que presten a atención necesaria á veciñanza, cousa que a día de hoxe non sucede”, critican os e as socialistas.

AVANTAR ACTIVIDADES

A voceira do PSdeG-PSOE en Punxín, Lorena Peleteiro Vázquez, alerta de “continuas queixas” por parte dos veciños e veciñas que teñen que acudir aos servizos sociais municipais, “algo que nunca soe acontecer por cuestións agradables”. A edil socialista afirma que nas últimas dúas semanas a veciñanza “leva agardando unicamente para ser atendidos pola traballadora social, xa que esta non está acudindo ás citas, nin tampouco se suple a súa ausencia nos poucos días que xa realiza esta atención no concello”.

O PSdeG-PSOE de Punxín esixe a “urxente” mellora deste servizo, así coma unha atención de “calidade” e lémbranlle ao goberno municipal bipartito do PP e CxG que “hai trámites que teñen uns prazos determinados e a veciñanza non pode estar agardando dúas semanas para que os atendan”.

Lorena Peleteiro denuncia un novo “deja vu” no “abandono” do bigoberno a veciñanza e fai fincapé en que “estamos ante unha mostra máis de que o acordo de goberno do PP e CxG asinouse, única e exclusivamente, para atender a intereses persoais e partidistas e non os interese de Punxín e da veciñanza”. A voceira socialista urxe ao equipo de goberno que “se poña a traballar xa por Punxín, ou que dimitan, dean un paso a un lado e deixen gobernar a aqueles que de verdade queren traballar e mellorar o noso municipio”.

Cabe destacar ademais que a traballadora social é empregada da Deputación Provincial de Ourense, motivo polo que os e as socialistas “urxen” ao ente provincial que tome as medidas “oportunas” para que o servizo se preste en condicións “dignas e cunha atención personalizada á veciñanza”.