Luis Menor apoia a mellora dos servizos que reclama o Sindicato de Maquinistas Ferroviarios na provincia e compromete o apoio da Deputación ás súas reivindicacións

Ourense, 19 de xaneiro de 2024.- O presidente da Deputación, Luis Menor, mantivo unha reunión cunha representación do Sindicato de Maquinistas Ferroviarios en Ourense -integrada polo presidente, Luis Crespo; e polo secretario, Manuel González-, co obxecto de analizar a situación deste servizo público na provincia. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Luis Menor explicou que na reunión abordáronse tres asuntos fundamentais: o retraso na chegada dos trens Avril, a situación do persoal e os cada vez máis deficientes servizos ferroviarios na provincia. Así, no que atinxe á chegada dos tres Avril, os representantes sindicais dos maquinistas explicáronlle ao presidente provincial que, debido a requerimentos técnicos, non será posible ata ben entrado o verán o aumento de frecuencias. Luis Menor lamentou que  “retrásanse, unha vez máis, as melloras para a provincia”. 

Respecto á situación dos maquinistas na provincia, os representantes sindicais explicaron na reunión que foi reducido a menos da metade o número de efectivos con respecto a hai 30 anos, desmantelando postos de traballo a favor de outros destinos como A Coruña ou Vigo. 

No tocante aos servizos ferroviarios, os maquinistas alertaron na reunión co presidente provincial sobre a situación das comunicación rexionais, que consideran moi deficiente e con servizos moi escasos, algo que é moi patente en Valdeorras, con só dúas frecuencias diarias, polo que este colectivo profesional está a reclamar que se recuperen os niveis prepandemia. Menor sinala que “este colectivo pediunos colaboración para reclamar as melloras precisas neste servizo público e desde logo teñen todo o apoio por parte da Deputación ás súas reivindicacións”.