Presas quere impulsar o aproveitamento do eixo ferroviario Ourense-A Gudiña mellorando o servizo

“O 18F temos a oportunidade histórica de apostar por unha forza como o BNG, coas mans libres para defender e exixir unha vertebración axeitada do interior do País” afirma a cabeza de lista

AVANTAR ACTIVIDADES

Un goberno galego liderado polo BNG será capaz de garantir un servizo ferroviario eficaz e eficiente, así como un transporte por estrada que garanta a intermodalidade na comarca de Monterrei

Ourense, 21 de xaneiro de 2024. A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, visita a estación de ferrocarril da Gudiña para denunciar, máis unha vez, o desmantelamento do servizo de transporte ferroviario e avanza que, un goberno galego liderado polo BNG coas mans libres para defender os intereses dos galegos e galegas, impulsará a recuperación destes servizos. Neste sentido, Presas comprométese a garantir unha comunicación intermodal que permita conectar a comarca de Monterrei a través do transporte público por estrada e a través do ferrocarril con novos servizos, unha política tarifaria atractiva e máis frecuencias.

Presas estivo acompañada pola tamén candidata do BNG, Adela Galego, e as concelleiras da formación nacionalista no Concello da Gudiña, así como por militantes da organización. “Queremos infraestruturas propias do século XXI e entendemos que o ferrocarril é un dos medios de transporte do futuro. Por iso defenderemos a transferencia a Galiza das liñas interiores para seren xestionadas a través dunha empresa pública galega de transporte ferroviario que implante o servizo de proximidade entre as comarcas de Ourense” avanza Presas.

“Non se pode permitir unha Galiza de dúas velocidades que deixe atrás o interior, porque o interior tamén existe e a veciñanza das comarcas ourensás temos os mesmos dereitos que o resto” denuncia a cabeza de lista do BNG ao Parlamento de Galiza. Na súa opinión, as comarcas de Ourense están a ter unha falta de comunicación entre elas e co resto do País: “non é normal nin é xusto que non se poida ir a Ourense en tren desde A Gudiña, Valdeorras ou o Ribeiro. Se queremos asentar poboación no interior, débense garantir vías de comunicación eficaces e eficientes”.

Mans libres para defender os intereses de Ourense ante o Estado

“O 18F temos a oportunidade histórica de apostar por unha forza como o BNG, coas mans libres para defender e exixir unha vertebración axeitada do interior do País” sinala Presas en referencia ás eleccións ao Parlamento de Galiza. Neste sentido, sinala a necesidade de ter un goberno liderado polo BNG “coas mans libres para defender os intereses do País e de Ourense ante o Estado” que garanta a prestación de servizos como o ferroviario ou o transporte por estrada a prezos asumíbeis, con horarios e frecuencias adecuadas.

Alén do máis, Presas entende a necesidade de contar cun servizo intermodal de calidade que permita conectar –en tren ou por estrada- as principais vilas e localidades do interior de Ourense coa capital e esta, conectada co resto do País. “Comprometémonos desde o BNG  desenvolver unha modernización da conexión do transporte público por estrada e por tren, así como a impulsar o aproveitameno do eixo ferroviario Ourense-A Gudiña mellorando o servizo” salienta.