O psdeg-psoe denuncia o “calamitoso” estado no que se atopa a ponte sobre a ou-536 ao seu paso por Xunqueira e que volveu afundir nas últimas semanas provocando un perigo de “extrema gravidade” para a seguridade viaria

Carmen R. Dacosta explica que “esta ponte tentaron arranxala fai tres meses, pero vemos que o arranxo foi inútil, pois apareceu novamente o socavón e aínda máis pronunciado, o que afecta seriamente ao tráfico rodado, nunha estrada cun volume de circulación moi alto”

AVANTAR ACTIVIDADES

“Rueda non rueda e así o estamos vendo ao longo das diferentes estradas do país, que son un exemplo lamentable de como o PP abandona as infraestruturas na provincia”, destaca Nacho Gómez

Xunqueira de Espadanedo, 26 de xaneiro de 2024. O PSdeG-PSOE denuncia o “calamitoso” estado no que se atopa a ponte sobre a OU-536 ao seu paso por Xunqueira de Espadanedo e que volveu afundir nas últimas semanas supondo un perigo de “extrema gravidade” para a seguridade viaria. Os e as socialistas denuncian que os “parches cutres” do PP causan estragos na rede viaria da provincia, tal e como queda demostrado neste punto, arranxado hai apenas tres meses e no que volveu a aparecer unha fochanca de “grandes dimensións”.

A candidatura do PSdeG-PSOE desprazouse hoxe ata Xunqueira de Espadanedo para comprobar de primeira man o “lamentable” estado no que se atopa a estrada autonómica OU-536 ao seu paso por este municipio. Os e as socialistas visitaron a ponte, arranxada polo goberno autonómico hai apenas tres meses, e que a día de hoxe presenta “unha situación aínda peor que antes do arranxo”. A situación agravouse ata o punto de que a circulación é practicamente imposible “obrigando aos vehículos a invadir o carril contrario para evitar pasar sobre o afundimento” e dende o PSOE alertan que “ou se busca solución ou moito nos tememos que terán que pechar este tramo de estrada ao paso de vehículos e camións”.

A candidata ao Parlamento de Galicia por Ourense, Carmen Rodríguez Dacosta, sinala que a política de Alfonso Rueda e Ethel Vázquez en materia de infraestruturas “poderiámola cualificar baixo o slogan de parcheando Galicia”. En relación a estrada, a futura parlamentaria socialista explica que “esta ponte tentaron arranxala fai tres meses, pero vemos que o arranxo foi inútil, pois apareceu novamente o socavón e aínda máis pronunciado, o que afecta seriamente ao tráfico rodado, nunha estrada cun volume de circulación moi alto, pois une a cidade coa comarca de Trives-Caldelas e a estación de montaña de Manzaneda”.

“Rueda non se preocupa polas infraestruturas da provincia e nun punto coma este pode ocorrer unha desgracia”, afirma Rodríguez Dacosta, que tamén fai fincapé en que “a partir do 18 de febreiro, con José Ramón Gómez Besteiro ao fronte do goberno galego, imos xestionar de forma seria e rigorosa o estado das estradas na provincia e a seguridade viaria”. Por último, a cabeza de lista do PSOE ourensán aos comicios autonómicos subliña que a seguridade viaria “non vai co PP, só hai que ver ao ex presidente da Deputación de Ourense, que tras circular a 215 quilómetros por hora, foi premiado cun posto no senado por Rueda”.

Pola súa banda, o candidato socialista ao Parlamento de Galicia, Nacho Gómez Pérez, destaca que “Rueda non rueda e así o estamos vendo ao longo das diferentes estradas do país, que son un exemplo lamentable de como o PP abandona as infraestruturas na provincia”. O futuro parlamentario socialista indica que a situación en Xunqueira de Espadanedo “é terrible, xa que fai tres meses que a Xunta intentou arranxar esta ponte e vemos que a día de hoxe aínda está peor”. Neste senso tamén apunta que “se estiveramos fora da carreira ao proceso electoral estariamos pedindo a dimisión de Ethel Vázquez porque está claro que non é a persoa idónea para levar as infraestruturas de Galicia”.

Gómez Pérez subliña que “o mellor cese a conselleira de infraestruturas e a Alfonso Rueda terémolo o 18 de febreiro” e fai fincapé en que “con José Ramón Gómez Besteiro ao fronte do goberno autonómico, faremos posibles unhas infraestruturas e conexións dignas para a provincia e en beneficio de todos os cidadáns e todas as cidadás da provincia”.

Por último, o voceiro do PSdeG-PSOE en Xunqueira de Espadanedo, Gustavo Hermida, explica que “xa fai semanas que alertamos ao alcalde da situación e respondeu que cumpría tódolos informes de seguridade, pero co paso do tempo vemos que vai a peor”. O concelleiro socialista afirma que “agardamos que con Besteiro de presidente se arranxen todos estes problemas que o PP non solucionou todos nestes anos”.