O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense amosa a súa preocupación ante a posibilidade de que o actual Goberno Local suprima o programa de Conciliación existente a día de Hoxe nos diferentes Centros Cívicos da cidade e que permiten a moitas familias poder levar a cabo unha conciliación da vida laboral e familiar máis acaída.
Aos anuncios de supresión efectuados onte e as posteriores rectificacións do Executivo local no que afirma que prorrogará o programa alomenos durante un mes máis, está a xerar moita inquedanza entre as familias usuarias.
A Concelleira do BNG Erea Blanco, lembrou esta mañá que, “xa no mes de agosto advertíamos da intención do Goberno Local de desmantelar os servizos Sociais e de deixar ás familias sen posibilidade de poder conciliar”.
Blanco entende que “o que se pretende facer é o mesmo que co programa Educocio, ao cal tamén se deixou morrer sen dar maiores explicacións”, e engade, “este é a verdadeira vontade política deste Goberno, a de desmantelar todas as alternativas públicas de conciliación que existen actualmente, é dicir, abandonar ás familias que a día de hoxe non saben como van facer a partir do 29 de febreiro xa que o propio Concello non ten alternativas que ofrecer”.
Desde a formación nacionalista esixen ao Concello de Ourense “o mantemento e mesmo a ampliación do actual Programa Concilia”.