A 29ª edición do Ourense Film Festival celebrarase do 27 de setembro ao 6 de outubro

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O OUFF, organizado pola Fundación Carlos Velo e promovido pola Deputación de Ourense, convidará ao fotógrafo ourensán Manuel Outumuro para o deseño do cartel oficial

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Ourense, 2 de Febreiro. – A vixésimo novena edición do Ourense Film Festival (OUFF) celebrarase este ano do venres 27 de setembro ao domingo 6 de outubro, enlazando coa conclusión do Festival de Cine de San Sebastián, como ven sendo costume desde hai anos. Nesta edición un dos eventos máis destacados será a exposición antolóxica do prestixioso fotógrafo ourensán Manuel Outumuro. A mostra, promovida desde a Deputación de Ourense, terá lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel. Manuel Outumuro é orixinario de A Merca e conta cunha traxectoria profesional que lle ten valido o recoñecemento internacional. Foi galardoado en novembro do ano 2022 co Premio Lucie, o equivalente ao Oscar no campo da fotografía. O artista tamén será o convidado para crear o cartel que anunciará o OUFF 2024. O Festival mantén así a liña de escoller a creadores ourensáns de recoñecida traxectoria. Os máis recentes foron  David Rubín e Mon Devane.

Promovido pola Deputación de Ourense, o OUFF é unha das actividades culturais anuais de maior relevancia da provincia, consolidándose como o Festival de Galicia na súa modalidade competitiva e na calidade das súas homenaxes a figuras do cine español e internacional, ademais do seu histórico compromiso de promoción do audiovisual galego.

Como responsable da súa organización, a Fundación Carlos Velo xa está a traballar na elaboración das liñas de programación para unha edición que conta co apoio da Xunta de Galicia, así como de importantes patrocinadores privados. Para a edición do 2024 o OUFF apostará por unha maior descentralización da súa oferta programática ao resto da provincia e o seu obxectivo pasará por incrementar exponencialmente o número de espectadores da pasada convocatoria.

O Ourense Film Festival 2023 incluíu homenaxes ao prestixioso director Arturo Ripstein, ao realizador español Manuel Gutiérrez Aragón e á actriz Loles León. O OUFF 2023 tamén ofreceu unha exposición antolóxica do traballo fotográfico do galego Chema Prado. O que fora director da Filmoteca Española amosou no Centro Cultural Marcos Valcárcel a súa mostra “Series”, un gran proxecto con material inédito en moitos casos que estaba composto polas series “Polaroids”, “Nada que perder”, “Ciudades” e “Infraganti”.