Ribeiro en Común lamenta que a obra da nova pista do Pavillón se teña comenzado na metade das temporadas deportivas, e non ao finalizar.

Problemas na obra da nova pista do Pavillón de Ribadavia obrígana a parar.

AVANTAR ACTIVIDADES

Varios deportistas e clubs teñen manifestado o seu malestar por planificarse esta obra no medio da temporada e non ao final.

Ribadavia a 9 de febreiro 2024.

Todo parece indicar que se trata de un problema de solución fácil, semella que se trataría dun defecto de fabricación do material empregado, que foi detectado pola propia empresa, a cal actuou con honestidade. Sen embargo, estamos obrigados a pedir un informe técnico da execución da obra no que se aclare por escrito a causa que obriga a tela parada. Para Ribeiro en Común o único importante é que a obra quede ben, a empresa adxudicataria ten experiencia e solvencia, polo que desexamos e agardamos que se solucionen os problemas detectados.

Sen embargo, ao xa inconveniente de facer esta obra no medio das temporadas, úneselle agora este parón obrigado.

O noso grupo municipal, que xestionou deportes na anterior lexislatura, reiterou varias veces que a obra debía comezarse a final das temporadas, por varios motivos:

1. Para non perxudicar aos clubes e aos centos de deportistas usuarios desta pista, tan reivindicada, e que chega con moitos anos de tardanza.

2. Neste tipo de obras sempre aparecen cuestións técnicas que as dificultan. Máis cando a ubicación deste pavillón ocasiona todos os invernos episodios de alta humidade.

3. Porque o proxecto presentado na anterior lexislatura, con ReC xestionando a área de deporte, fixaba de prazo ata final do ano 2024, con tempo máis que suficiente para facer esta obra nos meses de verán despois de rematar as diferentes ligas.

Ningunha destas razóns foi tida en conta, e a arrogancia que está demostrar o novo goberno neste comezo de lexislatura levou a non escoitar nin a nosa proposta nin as dúbidas dos clubes, decidindo comezar unha obra a metade das temporadas.

Agora, pedimos que se resolvan as dúbidas dos prazos reais que existen, sendo xa seguro que se perdeu unha parte importante da temporada deportiva 2023/2024, na cal esta mala planificación está causando un gran prexuizo a moitos deportistas e a todos os clubes con sede no Pavillón do Consello.

A día de hoxe aínda non se deu unha soa razón por parte do goberno do PP para comezar un Proxecto que, sen telo feito o seu goberno, semellaba que tiñan maior interese en vendelo como propio para as eleccións autonómicas.

Prazos.
Aínda que no Prego de condicións establecese un prazo de 2 meses, no Consello Municipal de Deportes o goberno chegou a afirmar que a obra podería estar rematada moito antes, agora demostrase que non era real.

Ribeiro en Común demanda que se informe aos clubes o antes posible e se lle digan os prazos reais, xa que necesitan ter unha previsión real, despois de perderse unha parte importante da temporada sen poder usas a súa casa, recordamos que levan desde o mes de decembro dispersos por pavillóns da provincia.

Para Ribeiro en Común o único importante é que a obra quede ben e non se repita o acontecido na falida obra do Xestal, estamos seguros que esta vez sairá ben, xa que a empresa adxudicataria ten experiencia e solvencia, polo que desexamos e agardamos que se solucionen os problemas detectados.

O noso grupo non vai caer na demagoxia e na crítica gratuíta que realizou o PP na oposición, e da que estamos seguros faría de novo gala de atoparse no noso lugar. Ribeiro en Común continuará a realizar a labor de supervisión e control do goberno, buscando o mellor para Ribadavia.