A Plataforma Loita Pediátrica da Limia convoca ó unísono coas plataformas de Verín e O Carballiño, cada unha na súa vila, manifestacións o venres día 16 de Febreiro ás 20h. Na Limia, sairán dende o Centro de Saúde ata a Praza Maior da vila.
Despois de moitos meses de atención precaria no servizo de pediatría por falta de especialistas seguimos coas mesmas reivindicacións. Queremos que as prazas estén cubertas por pediatras a tempo completo. É un dereito d@s nos@s nen@s.
A Plataforma leva máis de catro meses traballando arreo para visibilizar o problema e as profundas preocupacións das familias da comarca.
Unha das derradeiras accións foi solicitar por rexistro unha reunión co Conselleiro de Sanidade Julio Comesaña, pero non obtivemos resposta. Tamén fixemos entrega dunhas cartas aos candidatos á Presidencia da Xunta e o único que rexeitou recoller as nosas demandas foi o Sr. Rueda, candidato do PP. Ante estas actitudes, seguiremos coas protestas.
Non pararemos, non descansaremos e gañe quen gañe as eleccións seguiremos demandando un servizo de pediatría digno para a Comarca da Limia.
Animamos a tódalas familias a que saian á rúa a defender dereitos básicos da infancia.