O grupo municipal socialista sinala que a “oficina de colocación de DO no Concello de Ourense” conta cunha nova incorporación dende onte: Francisco González. Este xa traballou para Jácome anteriormente exercendo como o seu asesor e agora ostentará o posto de Técnico de Xuventude e Voluntariado “cun salario de máis de 44.000€ anuais”, advirte a edil do PSdeG Alba Iglesias.
Así as cousas, os e as socialistas denuncian, novamente, a “política caciquil do alcalde” que segue a disparar o gasto público en asesores e amigos, sendo “o máis alto da historia”. “Xa non lle quedan máis amigos que enchufar”, ironiza a tamén secretaria xeral de XX.SS.
Neste caso, ademais, a nova fichaxe realizouse para, supostamente, traballar en concellerías que xa non existen a día de hoxe, que o mesmo rexedor se encargou de desmantelar. “Fulminou tanto ao seu persoal, como a súa dotación económica ou os seus contidos nos últimos anos”, lembra.
“Do mesmo creador das prazas de City Manager, de director de Intelixencia Artificial dun centro que non existe e dos 19 asesores en nómina, chega agora o técnico das concellerías pantasma. Todo cun denominador común, encher a administración de amigotes co ADN de Democracia Orensana para seguir a beneficiar ao partido e ao seu fundador”, sostén a socialista.
Todo elo, por outra banda, mentres a Administración que dirixe o rexedor segue colapsado e sendo desmantelada por momentos. “Pérez Jácome, o suposto adalid contra a corrupción, o caciquismo e o enchufismo converteuse no mago da electricidade e da estafa electoral. Coas súas artemañas converteu ao Concello de Ourense a fábrica do enchufismo por antonomasia. Isto supuxo un exponencial crecemento da economia e o emprego dos seus, pero unha nula e nefasta rentabilidade para Ourense”, denuncian as e os socialistas.